Naquela montaña, o sol e a chuvia ían e viñan todos os días. Polas mañás brillaba o sol e as lagartiñas corricaban. Polas tardes chovía e os caracois ían pasear. Polas noites brillaba a lúa e os grilos cantaban.
14,00€ – 14,90€
Naquela montaña, o sol e a chuvia ían e viñan todos os días. Polas mañás brillaba o sol e as lagartiñas corricaban. Polas tardes chovía e os caracois ían pasear. Polas noites brillaba a lúa e os grilos cantaban.
Unha tarde empezou a chover e, mentres corría para a casa, Lagartiña cruzouse con Caracol, que, nese momento, asomaba a cabeza.
Este encontro casual supón un auténtico frechazo para Lagartiña, quen decide saír ao encontro de Caracol cada día.
No entanto, coma tantos outros relatos clásicos de amor, a relación de Caracol e Lagartiña parece imposible. Se, noutros, os obstáculos proveñen de pertencer a clases diferentes, neste caso, a especies dispares: Caracol non pode saír ao sol, xa que queda seco, e agarda escondido dentro da súa cuncha a que comece a choiva. Pola contra, Lagartiña enferma ao mollarse.
Debido a estas circunstancias, as dificultades para poder atoparse preséntanse insuperables, ao ser contraproducentes para ambos. No entanto, o amor todo o pode.
Estamos ante unha historia de constancia por parte dos dous protagonistas, e tamén de loita contra a adversidade, aínda que esta sexa, principalmente, meteorolóxica. Consecuentemente, Caracol e Lagartiña terán a súa merecida recompensa, como adoita suceder cando hai tenacidade e nos guían os bos sentimentos.
Este é a “bonita mensaxe” que intentou trasladar neste conto a escritora Susanna Isern. A autora de Pilú, Pilú! e Oso Atrapabolboretas está convencida de que na vida, “se dous se queren e se esforzan en conseguilo; todo é posible con ilusión e un pouco de imaxinación”.
Esta idea foi tamén a que guiou o traballo de Leire Salaberria, quen procurou principalmente, que as súas ilustracións fixesen partícipes, en todo momento, os lectores da “bonita historia de amor” entre os dous protagonistas: Caracol e Lagartiña.
Precisamente, crear a estes dous personaxes foi o “máis difícil” para a ilustradora no que é o seu segundo traballo con OQO, logo do seu debut na editorial con O señor Ramón e a señora Ramona.
A artista tiña claro que debían ser moi próximos para os máis pequenos. Por iso, decidiu “humanizalos” e darlles un aire “algo naif, cun toque de humor de debuxo animado”. O máis curioso é que, unha vez realizado o bosquexo a lapis de ambos, dar vida ao resto de personaxes do conto resultoulle máis doado; “de aí en diante, todo foi creándose dunha forma moi natural”, relata sobre o proceso.
Aínda que os protagonistas son Caracol e Lagartiña, durante a historia, Salaberria incorpora uns xirasois, unha libélula, unha familia de ratos, un esquío, uns peixes, unha ra, un coello e ata unha pomba, que se converten en testemuñas curiosas da tenacidade de ambos para conseguir estar xuntos.
En canto á técnica, á ilustradora apetecíalle cambiar “por completo” a súa forma de traballar. Deste xeito, descartou os súas habituais tesoiras e recortes de papel, e decantouse polos acrílicos e os pinceis co obxectivo de “gozar da parte máis manual do proceso de creación”.
A artista valorou que este conto lle deu a posibilidade de usar moita cor e dar renda solta a un mundo imaxinario “moi persoal”. Por iso, optou por unha gama ampla de cores e por utilizar moita textura, con esa base de formas xeométricas que adoita empregar normalmente.
Onde estás, Caracol? foi o conto máis longo que ilustrou e viviu a historia coma se dunha pequena curta de animación se tratase: “imaxinei a Caracol e a Lagartiña correr, falar, chorar, rir, bailar…”.
Por iso, non oculta que lle deu “moita pena” ter que despedirse destes personaxes, cando terminou a última ilustración. “Espero que me fagan un sitio nese bosque colorido sempre que necesite escaparme da miña realidade”, conclúe con nostalxia.
Texto de Susanna Isern Ilustracións de Leire Salaberria