Colección
Esgotado

Pilú Pilú!

Susanna Isern & Katharina Sieg

ISBN 978-84-9871-313-8

14,90

Este producto está agotado.

INFORMACIÓN
  • Paxinas 36 páxs.
  • Encadernación cartoné
  • Medidas 25x23 cm
  • Publicación marzo 2011

O crocodilo abriu a boca, chea de dentes enormes e afiados, e o paxariño comezou a voar…

—Para! –soprou o vento.

—Non sigas! –saltou o canguro.

—Frea! –chapuzou o lago.

—É unha tolería! –exclamou o coala.

—Cabeza tola! –picouno a avestruz.


Descrición

O crocodilo abriu a boca, chea de dentes enormes e afiados, e o paxariño comezou a voar…

—Para! –soprou o vento.

—Non sigas! –saltou o canguro.

—Frea! –chapuzou o lago.

—É unha tolería! –exclamou o coala.

—Cabeza tola! –picouno a avestruz.

—Nooonnn…!

–berraron todos.

 

Dun modo divertido, Pilú Pilú! achega os pequenos á posible orixe da relación real entre os crocodilos e os paxaros pluviais, máis coñecidos como corredores exipcios. Esta ave límpalles a boca de restos de comida, de parasitos coma samesugas e outros invertebrados.

 

Este pequeno paxaro cumpre tamén a función de gardián; grazas ao seu canto ?o recorrente Pilú Pilú! da historia que lle dá nome ao conto? avisa os crocodilos de posibles perigos. Como contrapartida, ten garantido alimento todo o ano.

 

Na súa primeira colaboración para OQO editora, Susanna Isern recorre ao estilo clásico dos contos para recrear a orixe desta simbiose entre especies dunha forma graciosa e amena.

 

Deste xeito, a historia bota a andar coa tradicional estrutura acumulativa: Escondido naquel recuncho tan apartado, en terra firme e xunto ao lago… Un niño! E entre as pallas… Un paxariño!

 

A través desta especie de matrioska sitúase o lector no lugar da acción e preséntanselle os dous protagonistas: un pequeno paxaro e un crocodilo na selva.

 

Cada tarde, despois de comer, o crocodilo deitábase ao sol e, cos ollos cheos de bágoas, miraba ao ceo e suspiraba: AAAIII…! Cada tarde, o paxariño miraba con curiosidade o crocodilo. —Que lle pasará? –preguntábase.

 

Esta incógnita é a que leva o pequeno paxaro a consultar a cada un dos animais da selva para resolver a orixe do estado do réptil. Unhas pescudas das que é partícipe o lector grazas á narración da autora catalá. A través deste periplo os nenos e as nenas poderán coñecer outros animais da selva (coala, avestruz e canguro), á vez que divertirse coas súas enxeñosas respostas e especulacións.

 

Con todo, o camiño máis fiable para descubrir o que sucede adoita ser o máis curto. No entanto, ás veces necesitamos perdernos por outros máis longos para chegar a esta conclusión. Algo habitual en toda aprendizaxe. E isto é o que lle sucede á nosa diminuta e nada medorenta ave.

 

O seu tamaño non lle impide arriscarse e o seu carácter inocente e confiado non se mostra como un obstáculo para lograr sobrevivir nun mundo hostil como é a selva, todo o contrario.

 

A autora destaca que intentou transmitir neste álbum a mensaxe de que “non hai que subestimar os demais, por pouca cousa que parezan”. Por iso ao final, é un “pequeno e indefenso” paxaro o que resolve o problema dun “enorme e temible” crocodilo.

 

A candidez dos dous protagonistas transmítese tamén na paleta de cores elixida por Katharina Sieg, quen respecta a ambientación cromática proposta por Susanna Isern: Perdido nunha selva afastada, verde escuro case marrón…

 

A ilustradora alemá combinou acuarelas e lapis para crear un mundo de cores evocadoras, con pequenas criaturas e obxectos ocultos entre as pólas. Deste xeito, creou divertidas historias paralelas, que non están explícitas no texto “para que sexan descubertas por un lector observador e atento”.

 

No que é tamén o seu primeiro traballo para OQO editora, Sieg transmite nas formas redondas e xestos entrañables cos que dá vida aos personaxes a honestidade e inocencia cos que foron modelados a través do texto. Unha simbiose entre ilustración e narración, tan perfecta como a de crocodilo e paxariño.

 

Un álbum para espertar a curiosidade do lector e alimentar as súas ganas de saber para, deste xeito, descubrir que un nunca se pode fiar das aparencias.

 

Unha historia que invita a crer nas boas intencións e a confiar nos demais, e que enxalza valores como a amizade e o compañeirismo.

 

 

Texto de Susana Isern

Ilustracións de Katharina Sieg

 

Tradución do castelán de Laura Rubio