Oso Atrapabolboretas

Susanna Isern & Marjorie Pourchet

ISBN: N/A Category

Oso vivía no bosque. O que máis lle gustaba era andar de paseo, botar unha soneca ao pé do lago e coleccionar cousas que atopaba entre as árbores. Un día apareceu un ganapán no alto dunha rama. —Que podería facer con isto?

INFORMACIÓN

Colección:

Páxinas: 36 págs.

Encadernación: cartoné

Medidas: 25x23 cm

Publicación: noviembre 2014 - Reimpresión

Oso vivía no bosque. O que máis lle gustaba era andar de paseo, botar unha soneca ao pé do lago e coleccionar cousas que atopaba entre as árbores. Un día apareceu un ganapán no alto dunha rama. —Que podería facer con isto?

 

As aparencias enganan. Ao contrario do que poida parecer, nada teñen que temer as bolboretas deste dispositivo —tan utilizado por coleccionistas para cazalas co obxecto de disecalas— nin de que este caia en mans dun oso cun enorme fociño. Do mesmo xeito que na súa primeira colaboración con OQO (Pilú Pilú!) Susanna Isern volve deleitarnos cun personaxe entrañable, a quen de ningunha maneira se lle pasa pola cabeza engadir as bolboretas a súa colección de obxectos nin tampouco a súa dieta. Todo o contrario: usa o ganapán para salvalas cando caen ao lago e o seu grande nariz para que se sequen rápido e poidan volver mover as ás.

 

“Unha tarde de verán, cando o meu fillo maior tiña tres anos, contoume que rescatara unha bolboreta do mar e que a puxera sobre unha roca para que se lle secasen as ás. Pareceume moi tenro e axiña naceu unha historia na miña cabeza”, revela a autora sobre a orixe.

 

Oso Atrapabolboretas é, en esencia, un libro sobre a bondade: a inclinación natural do protagonista cara ao ben é indiscutible: protexe dun modo admirable as bolboretas por iniciativa propia e sen esperar nada a cambio.

 

É tamén unha tenra historia sobre a amizade: a que nace entre Oso e a enorme bolboreta, Branca, quen o acabará rescatando non só do lago senón tamén da súa soidade.

 

Pasaban moito tempo xuntos. A ela encantáballe facerlle cóxegas nas orellas e xogar ás agachadas. A el gustáballe contarlle historias secretas do bosque e soprarlle suavemente nas antenas.

 

Se quen sementa ventos, recolle tempestades; quen reparte xenerosidade e bondade —coma Oso— debe recibir, como mínimo, agradecemento. Ademais, segundo nos lembra un vello dito popular: “coitas e camiños dannos amigos”.

 

E isto é o que lle ocorre a Oso cando cae á auga: unha nube de bolboretas —todas as que salvara durante tanto tempo e que fuxiran asustadas— acaban acudindo a socorrelo: agarrárono coas súas patiñas e levantárono coma se fose unha pluma.

 

Deste xeito, volvemos confirmar o sentido inicial do conto: as aparencias enganan. “Aqueles que supomos máis fráxiles, se unen as súas forzas, poden mover montañas (neste caso, a un mamífero plantígrado)”, matiza Susanna Isern.

 

Tamén para a ilustradora Marjorie Pourchet esta é a súa segunda colaboración con OQO.Tecnicamente, en Oso Atrapabolboretas, continúa na “liña de procuras no nivel gráfico” iniciada en A nai do heroe: pluma, pintura acrílica, decoracións creadas a través de técnicas de impresión e colaxes.

 

No entanto, este é o primeiro dos seus traballos en que todos os personaxes aos que dá vida son animais. Por iso, quizais, son bastante antropomórficos: a pelame desaparece da cara de Oso, ten colorete rosa nas fazulas… Deste xeito, busca facilitar que o lector se identifique co protagonista.

 

As bolboretas neste conto son, para Oso, unha especie de tesouro quimérico, inaccesible… Por iso é polo que a ilustradora mantén unha distancia nos encadramentos e non xoga con primeiros planos sobre elas.

 

En cambio, o tratamento visual da bolboreta grande, Branca, é diferente. Marjorie Pourchet enxalza o seu protagonismo entre todas as demais e outórgalle maior expresividade ao xogar coas súas ás, debuxarlle ollos…

 

A través das ilustracións, Marjorie informa o lector de moitas máis accións que o texto non narra. O paso do tempo pode lerse na follaxe que se volve vermella ou acaba por desaparecer en diferentes momentos da historia.

 

Existe tamén un paralelismo entre o espazo do lago —lugar no que fai vida Oso— e o do ceo —onde se recuperará da caída na auga— tanto pola cor cincenta como polo xogo de simetría vertical na dobre páxina.

 

De igual forma, Pourchet xogou coa acumulación progresiva dos obxectos que colecciona Oso para ofrecer unha narración paralela á historia. Así, antes de atopar a bolboreta grande, aparecen amontoados na súa barca “como unha especie de barricada que protexe a súa soidade”. Finalmente, acaban atopando o seu lugar e a súa funcionalidade cando Branca entra na súa vida, como lle ocorre a Oso cando o ganapán aparece na súa.

 

 

Texto de Susanna Isern
Ilustracións de Marjorie Pourchet

Últimos produtos