Nunha cabana do bosque vivían tres osos. Un día os osos saíron dar un paseo antes de almorzaren; entón Riciños de Ouro atopou a casa baleira e entrou…
13,50€ – 14,90€
Nunha cabana do bosque vivían tres osos. Un día os osos saíron dar un paseo antes de almorzaren; entón Riciños de Ouro atopou a casa baleira e entrou…
Tres osos é unha historia folclórica anónima, popularizada polo poeta británico Robert Southey, que en 1837 publicou e deu a coñecer o conto a toda unha xeración de lectores no seu país. Na versión de Southey, igual que acontecía na de Eleanor Mure, publicada seis anos antes, a indesexable intrusa era unha vella roñona. En 1849 Joseph Cundall publicou o seu Treasury of pleasure books for young children cunha nota, onde explicaba os motivos para substituír a vella intrusa por unha rapaza.
A partir do conto tradicional, e sen se afastar desa idea final de que hai que respectar a intimidade, a versión Tres osos de OQO editora constrúe un vínculo entre narrador e lector co fin de favorecer unha identificación entre neno e osos, que axude á eficacia formativa do conto. Ademais, coa desculpa de explicar as accións dos personaxes, o narrador engade, nun ton confidencial, unha serie de comentarios sobre hábitos, virtudes e bos costumes que inciden en valores como a responsabilidade, a autonomía e o bo uso da liberdade. Á parte de influír no desenvolvemento da conduta e no afectivo, e de estimular a sensibilidade literaria e artística, este álbum posúe aínda máis aplicacións pedagóxicas, xa que, é un instrumento ideal para transmitir conceptos matemáticos, entender nocións de tamaño (grande, mediano ou pequeno), ou establecer conexións entre os animais e o medio co que se relacionan.
Neste sentido, as imaxes de Minako Chiba cumpren un papel importante, ao propiciar o desenvolvemento de habilidades visuais que axuden os primeiros lectores na comprensión tanto dos números como de conceptos matemáticos. Por todo o dito, Tres osos implica activamente ao pequeno lector que contrasta as súas conviccións coas do libro, e afonda desta maneira, no coñecemento de si mesmo e do mundo que o rodea.
Texto de Marisa Núñez, dun conto tradicional inglés adaptado Ilustracións de Minako Chiba