Rato solteiro era leñador. Un día, unha rapaza invitouno a comer e desafiouno a unha carreira: «se me pillas, caso contigo». Cando xa estaba a piques de atrapala, a rapaza tirouse ao río e Rato foi detrás. No fondo do río, nun mundo marabilloso escondíase a Raíña das Augas e unha, dúas, tres…quen sabe cantas princesas fermosas, todas iguais! Como ía recoñecer o pretendente a súa prometida?
Rato solteiro era leñador. Un día, unha rapaza invitouno a comer e desafiouno a unha carreira: «se me pillas, caso contigo». Cando xa estaba a piques de atrapala, a rapaza tirouse ao río e Rato foi detrás. No fondo do río, nun mundo marabilloso escondíase a Raíña das Augas e unha, dúas, tres…quen sabe cantas princesas fermosas, todas iguais! Como ía recoñecer o pretendente a súa prometida?
Tanto na tradición europea como na africana, un motivo que aparece con moita frecuencia é a axuda dos animais para superar probas ou desempeñar tarefas esixidas polos reis ou superiores. Aquí é unha abella, agradecida pola comida, a que lle axudará ao Rato a recoñecer a moza. Esta mesma proba coñece un interesante paralelo nun conto popular español recollido por José María Guelbenzu. Nese caso trátase dunha mosca, que lle axuda a un cociñeiro a recoñecer a princesa, entre vinte e unha irmás.
Tamén é común neste esquema a figura do impostor que pretende, ocultando a súa verdadeira identidade, o recoñecemento como heroe ou acadar o mesmo éxito. Nesta ocasión, o coello é quen pretende o mesmo destino que o Rato; pero o «burlador» non será quen de gañar a gratitude da abella e, aínda que a súa astucia fará que se libre dun fatal castigo, a ambición e o engano levarano a un desenlace que liga coa tradición africana dos contos que pretenden explicar a orixe das cousas, riscos de comportamento e a relación entre os animais… Por que ao coello lle tremelica sempre o fociño?
Así mesmo, a presenza dun mundo paralelo debaixo das augas destaca o reflexo das crenzas de moitos pobos. A pesar deste carácter híbrido e tradicional e sen falsear esta perspectiva, Rato solteiro presenta unha revisión actual do texto e unha mestura de humor e realismo que achega a narración ao mundo cotián.
A nivel plástico, no conto represéntanse dous mundos, terrestre e acuático, en dous escenarios distintos unidos entre si. No mundo submarino, Marta Torrão reflicte un ambiente fantástico recreando un imaxinario máxico, mentres que na superficie a realidade amósase de xeito máis convencional. Esta ambivalencia aparece tamén na gama cromática empregada.
Texto de Paco Liván, a partir dun conto popular africano
Ilustracións de Marta Torrão