Teño medo!

Tim Bowley & Alicia Baladan

ISBN: 978-84-9871-445-6, 978-84-9871-444-9

Un neno estaba co seu avó, mirando o mar desde una rocha. De súpeto, o neno dixo: —Avó, non me gusta esta rocha… Qué pasa se un barco pirata aparece polo horizonte? TEÑO MEDO!

14,90

ISBN: N/A Category
INFORMACIÓN

Colección:

Páxinas: 36 págs

Encadernación: Cartoné

Medidas: 25x23 cm

Publicación: febrero 2013

Un neno estaba co seu avó, mirando o mar desde una rocha. De súpeto, o neno dixo: —Avó, non me gusta esta rocha… Qué pasa se un barco pirata aparece polo horizonte? TEÑO MEDO!

 

O avó, lonxe de burlarse desta ocorrencia ou negar tal probabilidade, ofrécelle unha solución rápida para resolver a situación: Non pasa nada! Se aparece un barco pirata, detrás desta rocha e non nos verán.

 

Malia a resposta tranquilizadora, a partir deste momento, sucédese unha concatenación de novas posibilidades de perigo por parte do pequeno (un cangrexo xigante, un tiburón, unha ola grande…), que o avó resolverá con inventiva e humor, sen perder un ápice de paciencia.

 

“Gústame que o avó entre no mundo do neno e trate os seus medos en serio. Dá unha reposta creativa e en harmonía coa imaxinación do seu neto”, valora Tim Bowley, quen repite con OQO, tralo seu debut con Jack e a Morte.

 

O medo é un mecanismo de autoprotección moi útil no crecemento psico-emocional dun neno, xa que activa reaccións imprescindibles para saber enfrontarse a perigos e a situacións de ameaza na contorna.

 

A superación dos medos durante a infancia permite crecer, madurar e adquirir autonomía. Por iso, máis que negar ou ignorar a súa existencia, os adultos debemos axudar a combatelos, sen caer na sobreprotección, un erro no que non incorre este avó. Pola contra, mantendo sempre a calma, incita a tomar medidas imaxinativas e resolutivas para superar complicacións.

 

Algúns adultos censuran o medo infundado dos pequenos. Con isto, o único que se consegue é danar o súa autoestima, xa que interiorizarán que o correcto e o pretendidamente “normal” é non sentir temor. Desta forma, crébase a súa confianza, increméntanse as súas inseguridades e, consecuentemente, estes medos irán a peor.

 

É fundamental non banalizar sobre o que o neno está preguntando (E, cando esteamos nadando, que pasa se un cangrexo xigante nos quere comer?), senón intentar comprendelo (Se un cangrexo xigante nos quere comer, facemos coma que somos tiburóns e o cangrexo levará un bo susto).

 

Necesita, sobre todo, sentirse tranquilo e ter preto referencias importantes de comportamento: neste caso, as do avó.

 

Entón, o neno abrazou o avó y suspirou tranquilo:

—Avó, gústame esta rocha.

XA NON TEÑO MEDO!

 

A Tim Bowley gústanlle este tipo de contos “en espiral”, onde conclúe o relato no mesmo sitio de partida, “pero noutro punto”, xa que durante o transcurso da historia “algo acaba resolvéndose”.

 

Respecto desta estrutura narrativa, a ilustradora Alicia Baladan quixo debuxar a primeira e a última escena do álbum (en ambas, o neno e o avó conversan encima da rocha) como unha especie de “paréntese”, coma se os dous decidisen “reservar” para eles o que sucedeu nas páxinas interiores.

 

Neste álbum, a artista decidiu xogar con dous tipos de imaxes: as “esaxeradas e fantásticas” para dar vida ao medo que sente o pequeno (un cangrexo ou unha ola xigante), mentres que as que se corresponden coas explicacións tranquilizadoras do avó ofrecen ao lector un “ambiente recoñecible”.

 

Precisamente, son as ilustracións do primeiro tipo as que menos complexas lle resultaron. Así, o primeiro debuxo definitivo de Alicia Baladan para Teño medo! foi a escena do cangrexo xigante.

 

Con todo, levoulle o seu tempo “poñer cara” ao ancián protagonista ata que, finalmente, decidiu tomar como referente aos seus propios avós: “saíu bastante parecido ao meu avó materno Juanillo, ata no carácter: tranquilo, pouco egocéntrico e bo compañeiro”.

 

En canto á técnica utilizada, os primeiros debuxos foron realizados a trazo con tinta chinesa. A continuación, introduciu a cor facendo unha colaxe en Photoshop, alternando orixinais a lapis e acuarela.

 

Para evitar o resultado “demasiado gráfico” que, na súa opinión, ofrecen as cores da escala Pantone do ordenador, a ilustradora escaneou matices de acuarelas e creou o seu propio arquivo cromático.

Últimos produtos