Pois veredes, isto era unha moza que, á falta de traballo, botouse a andar en busca de fortuna. No medio dunha leira atopouse con Brazodegorila. A moza díxolle: —Queres vir comigo? —Son libre —respondeu el—. Nin obedezo xefes nin sirvo señores. —Repartirémolo todo a partes iguais —dixo ela.
Pois veredes, isto era unha moza que, á falta de traballo, botouse a andar en busca de fortuna. No medio dunha leira atopouse con Brazodegorila. A moza díxolle: —Queres vir comigo? —Son libre —respondeu el—. Nin obedezo xefes nin sirvo señores. —Repartirémolo todo a partes iguais —dixo ela.
Con esta proposta xusta e equitativa, a moza recruta ao longo do seu periplo a outros tres personaxes máis: Orellademorcego, Fociñodetouro e Ollodeaguia.
Cada un deles cunha habilidade física especial e única. Nun principio, utilizarán as súas destrezas no beneficio do grupo e, finalmente, ao servizo de todos os habitantes dunha vila sometida á tiranía dun rei cruel, inxusto e mentireiro.
Gonzalo García, Darabuc, decidiu recuperar e facer unha versión deste conto popular, un dos seus favoritos de neno, ao consideralo adecuado e “valioso” ante o momento socioeconómico actual: “permite reflexionar sobre as relacións de desigualdade entre os individuos na sociedade e desta cos seus gobernantes”.
Non obstante, a teor dos novos tempos, interpretou que era necesario reescribir certos aspectos, como a incorporación de personaxes femininos, xa que nas diferentes versións populares —entre as que se atopa Los asociados de Bravo-Villasante— todos os protagonistas eran homes.
Do mesmo xeito, fronte aos personaxes anónimos do relato tradicional, Darabuc apostou por traballar con nomes propios e decidiu chamalos segundo as súas características físicas. O motivo: facilitar a comprensión narrativa nun relato que introduce moitos personaxes (os cinco protagonistas, o rei e varios secundarios).
En calquera caso, a achega máis significativa da versión de Darabuc é que converte A partes iguais nunha alegación a favor dun sistema social e político baseado en relacións entre iguais. Ao longo de toda a historia subxace a proclama de “liberdade, igualdade e fraternidade” que estivo detrás das conquistas políticas e sociais conseguidas na Revolución Francesa.
Neste sentido, o escritor alértanos dun modelo de relacións asentado en todo o contrario. Así, pon como exemplo un grupo de nenos no patio do colexio: “reúnense e organízanse eles sós, pero en contra da bondade natural do neno, a miúdo crean xerarquías desiguais onde é fácil que haxa infelicidade”, lamenta.
Por este motivo, o relato desenvolve con coidado a negociación previa das condicións (Imos todos a partes iguais) para que non se cree unha estrutura piramidal, na que as bases traballan e a cúspide se beneficia. Darabuc non nega que na versión busque intencionadamente unha lectura paralela coa conxuntura económica actual, “completamente dominada polas xerarquías”, reproba.
Por iso, este conto ofrece unha repartición xusta de obrigas-traballo e de compensacións (A partes iguais, cruzaremos xuntos a terra e os mares). Este modelo ten recompensas para o individuo e para a sociedade no seu conxunto. Así, en A partes iguais os nosos cinco aventureiros non só acaban conseguindo o seu obxectivo, senón que logran instaurar un sistema máis xusto e democrático, no que se restaura a función de gobernar desde o pobo e para o pobo.
“Esta actitude é útil sempre, pero arestora, ante o malestar social xeneralizado, semella aínda máis importante. E é algo que non pode transmitir unha materia en valores, senón historias que ao falar do tema nos emocionen, nos fagan pensar e nos movan”, afirma Darabuc.
Este non é o único valor asociado que transmite o conto. A partes iguais supón tamén unha defensa da cooperación e do traballo en equipo. Os cinco protagonistas teñen calidades extraordinarias, pero o éxito dependerá da colaboración e participación de todos. Se algún fallase, nunca conseguirían o obxectivo e fracasarían na proba imposta polo rei para lograr a recompensa. Deste modo, Darabuc transmítelle ao lector que cada un de nós ten algo que achegar ao grupo “e todos merecemos a autoestima asociada”.
E esta contribución e colaboración non se limita ao compañeiro de viaxe. “Hai persoas que sofren ás que nunca debemos esquecer”, subliña Darabuc, quen por este motivo incorporou unha figura máis na repartición da recompensa (…para os moitos pobres que no mundo hai.) e que non estaba no conto orixinal.
O que si está presente en todas as versións é o carácter aventureiro do conto que tan ben plasman as ilustracións coloristas de Lina utaut?, realizadas con óleo sobre cartón, aínda que retocadas dixitalmente ao final.
O primeiro que lle interesou e inspirou do texto foron as características fantásticas de cada un dos personaxes. De aí que a ilustradora lituana se esmerase en facer memorables as especificidades de cada un deles: a fortaleza, a capacidade auditiva, a vista… etc.
En segundo lugar, a oportunidade que lle ofrecía a historia de traballar coa ficción (as calidades case sobrenaturais dos protagonistas), o que lle permitiu manipular tamaños (brazos, orellas…) aínda que sempre tendo en conta que debía deixar espazo para a imaxinación dos lectores. Pensando sempre neles e no xogo que ofrece a posibilidade da relectura, decidiu incorporar imaxes a modo de símbolos para ir descubrindo en cada nova lectura.
utaut? tamén ten presente a crítica ás desigualdades do relato de Darabuc e incorpora ás súas ilustracións esta denuncia. Así, tanto nas gardas do libro, como na figura do rei representa diferentes paxaros en gaiolas: “Na miña opinión, os escravizados séntese exactamente así”, argumenta para xustificar a súa proposta.
Do mesmo xeito, uniforma os habitantes da vila con roupas escuras para que as diferenzas de sexo ou idade pasen desapercibidas. Deste modo, busca igualalos na desgraza: todos sofren da mesma maneira un mandato cruel. Asemade, o fondo das ilustracións pasa de ser colorista a gris cando os cinco protagonistas chegan á capital do reino.
En canto o pobo é liberado da tiranía do rei, a cor aparece nas súas vestimentas e podemos percibir mellor os trazos físicos da xente, o que simboliza a recuperación da súa identidade, anulada durante anos.
Na última escena, onde os pobres reciben parte do ouro do rei, utaut? decide facer uso da imaxe que comunmente “se asocia á felicidade”, o arco da vella. Con ela, reforza o final optimista do texto de Darabuc: un mundo mellor e máis xusto é posible.
Texto de Darabuc
Ilustracións de Lina utaut?