GUINEA BISSAU. A Asamblea de Cooperación por la Paz (ACPP) invita a OQO a coñecer o seu traballo

GUINEA BISSAU. A Asamblea de Cooperación por la Paz (ACPP) invita a OQO a coñecer o seu traballo

19/02/2010

GUINEA BISSAU
Posto segundo o IDH: 175.
Esperanza de vida: 46 anos (mulleres),
43 anos (homes)
Alfabetización: non dispoñible
Médicos/100.000 habitantes: 12.
Habitantes: 1,6 millóns.
Renda per cápita anual: 122 €.
Pobreza segundo estándares nacionais: non dispoñible
Porcentaxe de poboación rural: 81,7%
Porcentaxe de habitantes menores de 15 anos: 47,4%
Taxa de fecundidade: 7,1 fillos por muller

As responsables das campañas de dinamización e animación á lectura de OQO editora desprázanse a Guinea Bissau (África) ata o 26 de febreiro para coñecer de primeira man o traballo da ONG Asamblea de Cooperación por la Paz (ACPP) neste país africano.

OQO editora colabora con esta ONG coa publicación A sombra dos anacardos, dentro da súa colección solidaria Qontextos. Neste álbum, o escritor galego Antón Fortes ??autor de Fume e Caderno de animalista?? aborda o grave problema da SIDA neste país africano, que afecta a unha alta porcentaxe da poboación infantil.
Guinea Bissau é un dos países con maior subdesenvolvemento humano de todo o mundo.

Non en balde, ocupa o posto 175 da lista de 177 países elaborada polo PNUD, segundo o seu índice de desenvolvemento humano, que mide aspectos como a esperanza de vida, a cobertura dos servizos básicos como saúde e educación, a renda per cápita…

A súa dependencia respecto da axuda externa é moi notable, máis dun cuarto do seu PIB provén da cooperación internacional. A inestabilidade política do país, os golpes de estado e as guerras obstaculizaron en extremo o progreso de Guinea Bissau. Aínda que desde as últimas eleccións, celebradas en 2005, a estabilidade parece chegar á vida política do país.

No entanto, continúan existindo áreas mal comunicadas, especialmente na fronteira co Senegal, que carecen dos mínimos servizos sociais. Así, os servizos de saúde apenas chegan ao 40% da poboación.

Por iso, enfermidades infecciosas ou epidemias como a malaria ou enfermidades de transmisión sexual quedan sen tratar, o que provoca que se agraven e cheguen a producir a morte. A mortalidade infantil, que se podería considerar causada por esta desatención en saúde, é moi elevada no país: de cada mil nados vivos, 105 bebés morren antes de cumprir un ano.

Entendendo que os servizos de saúde son imprescindibles para mellorar a situación no país, desde o ano 2006 ACPP traballa nesta zona co Ministerio de Saúde e as comunidades locais en proxectos para a construción e dotación de infraestruturas sanitarias, a formación de persoal cualificado e a sensibilización social sobre a importancia da saúde.

O seu traballo en Guinea Bissau comezou con este convenio, financiado pola AECID, que ten unha duración de tres anos. Precisamente, as responsables de animación á lectura de OQO coñecerán os resultados deste labor. Estarán na capital de Guinea tres días, os catro restantes percorrerán diferentes aldeas do país, onde a colaboración coa ACPP dos propios nativos é moi importante, sobre todo en materia de información de prevención entre os máis pequenos.

As encargadas das campañas de animación á lectura e de obradoiros lúdico-pedagóxicos de OQO realizarán algunha actividade cos máis pequenos deste Estado africano, antiga colonia portuguesa. Ademais, aproveitarán o contacto cos máis anciáns do lugar para coñecer o rico patrimonio oral de contos tradicionais que aínda conservan estes países e que non debe perderse.