Colección

O crebacabezas

Txabi e Manu Arnal Gil & Roger Olmos

ISBN 978-84-9871-387-9

16,00

Cantidade:
INFORMACIÓN
  • Paxinas 48 páxs.
  • Encadernación cartoné
  • Medidas 22x28 cm
  • Publicación xuño 2012

O home do crebacabezas sentaba diante do crebacabezas e cambiaba algunha peza de sitio, engadía ou eliminaba outras… Xogaba coa vida do pobo todo. Transformaba alegrías en penas, penas en condenas.

 


Descrición

O home do crebacabezas sentaba diante do crebacabezas e cambiaba algunha peza de sitio, engadía ou eliminaba outras… Xogaba coa vida do pobo todo. Transformaba alegrías en penas, penas en condenas.

 

Con esta formulación inquietante, os irmáns Txabi e Manu Arnal Gil mergúllannos na realidade asfixiante dun pobo atemorizado, cuxos habitantes están a expensas do capricho do home do crebacabezas, un ser tirano e mesquiño que endurece o seu corazón almorzando a diario unha cunca de café cunha cullerada de fel.

 

O crebacabezas convértese nunha apropiada figura simbólica coa que representar o despotismo absoluto ao que está sometido o pobo (as pezas). Os habitantes do lugar son criaturas desvalidas. Os seus designios están manexados ao antollo dun ser superior, amo e señor das súas vidas, que conta con total impunidade. Todos tiñan medo do home do crebacabezas. Ninguén levantaba a voz contra o señor. Dunha vez, a señora Lucía protestou e do tellado saltoulle unha tella. A pobre muller chegou ao camposanto enriba dunha burra vella.

 

Para dar vida a este ser ruín e trasladar a imaxes o desasosego vital dun pobo sometido e atemorizado, as ilustracións de Roger Olmos non podían ser máis acertadas, a pesar da escasa información de partida da que dispuxo: non contaba con ningunha descrición física do personaxe. “Encántame poder partir de cero”, argumenta con valentía o ilustrador catalán, a mesma coa que se enfrontou á súa primeira colaboración para a colección Q (dirixida a nenos a partir de 8 anos). Así, neste álbum probou “algo diferente ao resto”. O ilustrador traballou unha superficie cunha textura especial, para logo ilustrar sobre ela, co que logrou uns tons e atmosferas “que non acadara antes”, sempre en óleo e un retoque final en dixital. Ilustrador e escritores achegaron, nos seus respectivos campos, unha orixinal proposta sobre un tema case inherente á condición humana e que, ao longo da historia, tivo na literatura un dos seus mellores altofalantes de denuncia: o abuso de poder. No entanto, o relato vai máis aló da denuncia.

 

O crebacabezas é tamén un relato que advirte da existencia dunha xustiza poética, ese castigo que consiste en pagar coa mesma moeda o dano realizado. As pezas do crebacabezas (os integrantes do pobo) empezan a ter vida propia e a mostrar autonomía para, tomando forma de cabra (animal de carácter), facerlle fronte ao seu verdugo: Unha luminosa mañá, logo dunha noite de vendaval, o home do crebacabezas atopouse cunha estraña sorpresa: as pezas non mostraban a vila, senón a faciana dunha cabra.

Deste xeito, logran que o seu opresor sinta o mesmo desasosego e temor que el xeraba coas súas accións maliciosas e inesperadas. A unidade de todo o pobo é a base do triunfo (como en Fuenteovejuna, de Lope de Vega). É, xa que logo, tamén unha alegación a favor da rebelión ante a tiranía e inxustiza.

Manu Arnal recoñece que a historia empezou a coller forma durante unha etapa na que estaba “moi pendente” de todo o que estaba ocorrendo nas rúas co movemento de indignación cidadá, bautizado como 15M. O seu irmán admite plasmar neste libro, unha metáfora da sociedade actual, “onde todos somos pezas que debésemos encaixar de forma equilibrada, sen privilexios, tendo en conta o benestar do resto”. “Desgraciadamente, son demasiadas as persoas que se autoproclaman señores do crebacabezas e deben saber que o poder reside na vontade de cada unha das pezas (o pobo), e non na súa propia. E que simboliza o movemento autónomo das pezas senón a mesmísima revolución?”, proclama Txabi Arnal.

 

Para representar esta carga simbólica negativa que encerra o señor do crebacabezas, Roger Olmos optou por un ser con roupas escuras e remachadas; aspecto desprezable e rostro escondido, “quizais por algunha deformidade”. O artista decidiu dotalo de tentáculos e ligalo a un brazo mecánico co que se axuda para desprazarse. “É como un cordón umbilical que o une á súa torre, que forma parte del, así como todos os seres que van aparecendo ao seu ao redor, experimentos medio orgánicos e mecánicos que el mesmo creou”, explica.

En canto ao seu antagonista, a cabra, Olmos considerou “interesante” que en cada unha das súas aparicións fose gañando corpo. Se ao principio son pezas do crebacabezas con forma de carneiro, ao final xa está case completa, “aínda que polas súas veas, o que circula é fel”, destaca como unha información narrativa visual non explicitada no texto. Igual que as moscas, que contan cunha presenza importante en cada aparición da cabra, coma se formasen parte do animal. “Son un sinal, xa que son os insectos da morte”, indica o ilustrador, quen para remarcar a importancia desta connotación buscou un efecto 3D, “ata hai unha que se ve saíndo do papel”. De ser así, seguro que un lector logra atrapala, tal e como conseguen a historia e imaxes deste álbum.

 

 

Texto de Txabi e Manu Arnal Gil

Ilustracións de Roger Olmos Tradución do castelán de Marisa Núñez