MUSEO THYSSEN-BORNEMISZA (MADRID). Comezan os obradoiros de ‘Los Cuentos del Camino’

MUSEO THYSSEN-BORNEMISZA (MADRID). Comezan os obradoiros de ‘Los Cuentos del Camino’

6/04/2010

Rapaces de Bordeaux (Francia), Évora, Óbidos, Beja e Pombal (Portugal) gozaron xa destas actividades plásticas e de animación á lectura que se celebrarán en maio en Santiago.

O itinerario do proxecto —seleccionado no Programa Cultura da UE— rematará en Compostela cunha mostra das obras dos 25.000 nenos e nenas participantes.

As instalacións do Museo Thyssen-Bornemisza acollerán desde hoxe e ata o 7 de maio o programa europeo Os Contos do Camiño coordinado pola editorial galega OQO editora —e apoiado pola S.A. de Xestión Xacobeo— para difundir entre os escolares o patrimonio inmaterial e artístico das diferentes Rutas Xacobeas, a través de contos de tradición oral.

Estas actividades botaron andar en xaneiro en Bordeaux (Francia) e Évora (Portugal) e —tras desenvolverse en marzo en Óbidos, Beja e Pombal (Portugal)— chegarán a Madrid e rematarán o seu itinerario en Santiago de Compostela no mes de maio. A capital galega acollerá asemade o 18 de maio un concerto como actividade de festa do proxecto e unha exposición coa selección das creacións artísticas dos máis de 25.000 nenos participantes.

A Fundación Museo Thyssen-Bornemisza, as editoriais O Bichinho de Conto (Portugal) e La Compagnie Crèative (Francia) son socios deste proxecto, coordinado pola editorial galega OQO editora, que é o único galego no Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, que en 2009 só seleccionou en España outras dúas iniciativas. Asemade, Os Contos do Camiño acadou a maior puntuación, sumando 32 puntos dos 35 máximos posibles.

Os Contos do Camiño está dirixido a escolares de educación Infantil e Primaria nos que se pretende espertar e alimentar a curiosidade por viaxar, coñecer persoas doutras culturas e se achegar aos contos e á tradición oral do patrimonio cultural e artístico europeo. Por iso, as actividades incidirán na Ruta Xacobea como o principal e primeiro itinerario cultural que atravesa Europa e que congrega persoas de distintas culturas, razas e países.

As actividades que se desenvolverán a partir do 6 de abril no Thyssen son:

UN CAMIÑO DE CONTOS. Nenos e nenas de 5 a 8 anos e os seus respectivos profesores participarán, a través da música, da palabra e da imaxe, nunha sesión na que percorrerán varias Rutas do Camiño de Santiago, evocando unha época na que camiñantes de diferentes partes do mundo chegaban a Compostela e enchían os días de travesía e as noites de descanso con narracións populares dos seus lugares de orixe.

Cada sesión finaliza cunha actividade plástica creativa na que os nenos confeccionarán con debuxos un caderno de viaxe, que será obxecto dunha exposición ao final da actividade.

Este obradoiro será impartido por Margarita del Mazo e Paula Carbonell, especialistas en actividades de animación á lectura e autoras de álbums de literatura infantil entre os que se atopan os de OQO editora Mosquito, Procurando o Norte ou A viaxe das bolboretas.

Os nenos e nenas de 9 a 11 anos participarán nunha sesión de A ARTE NO CAMIÑO, onde lles explicarán as distintas obras de arte que poderán ver polas diferentes rutas, cunha mención directa aos fondos dos museos colaboradores desta iniciativa: Museo de Óbidos, Thyssen Bornemisza, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo de Aquitania, Museo de Évora e o Museo do Pobo Galego. A actividade finalizará cunha actividade plástica e cos nenos e nenas convertidos en artistas.

En concreto, no Thyssen trátase dunha Visita-Taller, composta por dúas partes complementarias: un percorrido polas salas do Museo no que se analizan polo miúdo unha serie de obras, todas elas relacionadas coa idea do camiño, e unha actividade plástica no obradoiro didáctico do Museo que reforza o aprendido.

En todo momento serán os pequenos e pequenas, acompañados por un educador do Museo, os protagonistas do descubrimento. Ofrécense tres percorridos e obradoiros distintos para cada un dos ciclos de Educación Primaria: Viaxes e Viaxeiros (Primeiro Ciclo), Un labirinto de camiños (Segundo ciclo) e Abrir Camiños (Terceiro ciclo).

A terceira actividade é ILUSTRAR UN CONTO CON… Neste taller a ilustradora francesa Véronique Vernette escollerá un conto tradicional do seu lugar de orixe para contarllo aos rapaces e máis tarde todos traballarán ilustrando una secuencia da obra por día. Deste xeito, búscase o intercambio e o movemento transnacional da creación artística.

Así, a Évora desprazouse a ilustradora galega Itiziar Ezquieta e a Bordeaux a portuguesa Teresa Lima. No caso de Óbidos, Beja e Pombal o ilustrador andaluz Chené Gómez optou por implicar aos cativos na recreación plástica de Juan la burra, unha versión dun conto de tradición oral recollido na zona de Cádiz.

NENOS CON DISCAPACIDADES OU NECESIDADES ESPECIAIS.

Con este afán de respecto á diferenza, ademais dos centros de ensino, en cada unha das cidades implicadas estase a contactar con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos con certas discapacidades ou en situación de desprotección.

Deste xeito, en Madrid implicáronse neste proxecto a COMISIÓN PARA INVESTIGACION DE MALOS TRATOS A MUJERES, a ASOCIACIÓN PUEBLOS UNIDOS, a FUNDACIÓN JUAN XXIII para a discapacidade intelectual e o CENTRO PENITENCIARIO DE MADRID IV.