SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA 2010. Concerto ‘A nena e o grilo’

SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA 2010. Concerto ‘A nena e o grilo’

14/03/2010

O concerto A nena e o grilo porá peche de festa ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2010

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2010 porá fin a máis dun mes de actividades co espectáculo de música, imaxes e contos: A nena e o grilo. O Pazo da Cultura acollerá o domingo 14 de marzo ás 12.00 horas este concerto dirixido aos cativos e tamén aos que non o son.

Este espectáculo está baseado no libro-CD de OQO editora A nena e o grilo, traballo bibliodiscográfico co que o compositor e intérprete ourensán Magín Blanco se atreve a dar o salto ao público infantil da man de OQO editora e da súa colección musical Q son. Producido na parte musical por Uxía e ilustrado por Iván Prieto, colaboraron músicos coma Guadi Galego, Ugia Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila.

O resultado deste traballo de equipo será presentado en directo o 14 de marzo en Pontevedra nun espectáculo familiar no que Magín (guitarra, voz) estará acompañado por Uxía, Guadi Galego, Xoán Curiel (guitarra e voz), Sergio Sales (teclado) e Charo Pita (voz e narración).

A parte narrada adquire unha vital importancia, xa que relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que nos amosará as ilustracións realizadas por Iván Prieto.

Durante o concerto poderemos gozar cunhas cancións que, en palabras de Magín Blanco, ‘non parten de ningún estilo en concreto’ e que son ‘unha amálgama’ das músicas que todos os colaboradores do libro-CD A nena e o grilo levan escoitado ao longo das súas vidas. Porén, resultan claramente recoñecibles ecos de rumba, bossa nova, reggae ou folk.

En definitiva, estamos ante un espectáculo con vocación universal que parte dunha lingua rica en palabras e xiros ao servizo dos mundos imaxinarios dos protagonistas destas trece cancións de conto. En todas elas repártense aloumiños a eito e amósase un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal e esixente para nenos e nenas de todas as idades.

FICHA TÉCNICA
Magín Blanco: voz, guitarras
Xoán Curiel: voz, guitarras
Sergio Sales: teclado
Charo Pita: voz e narración

CONCERTO A nena e o grilo
DATA: 14 de marzo de 2010
LUGAR: Pazo da Cultura de Pontevedra
HORA: 12.00 horas
Entrada de balde