Historias de aloumiños

Historias de aloumiños

20/01/2011

Unhas 200 persoas escoitaron en Muros historias de aloumiños e apertas contadas e cantadas por ‘A nena e o grilo’

Unhas 200 persoas achegáronse este sábado ao auditorio da Casa da Cultura de Muros (A Coruña) intrigados polo que lle podían contar e cantar unha nena azul e un grilo canteiro. Familias entereiras gozaron das historias de aloumiños e apertas do concerto-espectáculo da campaña En clave de conto que OQO editora realiza para o programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio no ámbito musical e escénico —coma o ourensán Magín Blanco e a contacontos Charo Pita— protagonizaron ás 18.00 horas a montaxe multicisplicinar A nena e o grilo, baseada no conto-cd co mesmo nome de OQO editora e que foi repartido gratuitamente ás familias asistentes.

Con este concerto-espectáculo, con entrada de balde ata que se completou o aforo do Auditorio Pazo da Cultura, comezaron en Muros as actividades de OQO editora En clave de conto. A finalidade é achegar as nenas e os nenos ao galego no plano da lectura e no da escoita, ao tempo que educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a lingua.

Por iso, ademais do concerto, as familias poderán participar mañá venres 21 de xaneiro no Obradoiro para as familias EU FALO ASÍ. Esta actividade gratuíta realizarase ás 18.30 horas e nela procúrase reforzar o uso do galego no contexto afectivo, desenvolvendo a competencia oral e escrita.

Este taller ten a súa orixe na canción ‘Cri-cri’ de A nena e o grilo. A partir deste tema as familias xogarán a identificar as distintas linguas da peza (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro…) e o seu idioma principal: o galego.

Neste obradoiro traballarase tamén co álbum O embigo de Xanecas da colección O de OQO editora. Por este motivo, as familias participantes (con rapaces con idades de entre 3 e 5 anos) serán agasalladas con este libro.

CONCERTO A NENA E O GRILO

Este espectáculo está baseado no traballo bibliodiscográfico co que o compositor e intérprete Magín Blanco (O Barco de Valdeorras) se atreveu a dar o salto ao público infantil da man de OQO editora e da súa colección musical Q son. Producido na parte musical por Uxía e ilustrado por outro ourensán Iván Prieto, colaboraron músicos coma Guadi Galego, Ugia Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila.

O resultado é un traballo de equipo que no escenario mantén o seu carácter familiar no que Magín Blanco (guitarra, voz) estará acompañado por Xoán Curiel (guitarra e voz), Sergio Sales (teclado), Sergio Tannus (guitarra e percusión) e Charo Pita (voz e narración).

A parte narrada da montaxe adquire unha vital importancia, xa que relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que nos amosa as ilustracións de Iván Prieto.

Durante o concerto poderon gozar dunhas cancións que, en palabras de Magín Blanco, ‘non parten de ningún estilo en concreto’ e que son ‘unha amálgama’ das músicas que todos os colaboradores do libro-CD A nena e o grilo levan escoitado ao longo das súas vidas. Porén, resultan claramente recoñecibles ecos de rumba, bossa nova, reggae ou folk.

En definitiva, estamos ante un espectáculo con vocación universal que parte dunha lingua rica en palabras e xiros ao servizo dos mundos imaxinarios dos protagonistas destas trece cancións de conto. En todas elas repártense aloumiños a eito e amósase un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal e esixente para nenos e nenas de todas as idades.

En clave de conto estivo xa en Ourense, Carballo, Allariz, Boiro e Cambados. Despois de Muros, desprazarase a Vilalba, A Estrada, Burela, Teo e Gondomar ata o 25 de febreiro de 2011.

MUROS
CONCERTO 15 xan. 2011. 18 h
Auditorio Casa da Cultura, estrada de Miraflores
tel. 981 762 294
OBRADOIRO 21 xan. 2011. 18.00 h
Biblioteca Municipal, estrada de Miraflores
tel. 981 762 294