O concerto de ‘A nena e o grilo’ leva mañá a Burela os contos e os cantos do País das Apertas

O concerto de ‘A nena e o grilo’ leva mañá a Burela os contos e os cantos do País das Apertas

4/02/2011

O auditorio Casa da Cultura de Burela acollerá mañá sábado, día 5, a todos aqueles interesados en coñecer a través de contos e cancións o País das Apertas, que non ten fronteiras, pero cabe na imaxinación de calquera. Alí vive un principiño que debeu escapar dalgún libro, un grilo cantareiro e unha nena máxica , transparente coma unha pompa de xabón que, cando soña, enche o aire de risas e misterios.

Músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio no ámbito musical e escénico —coma o ourensán Magín Blanco e a contacontos Charo Pita— protagonizarán ás 18.00 horas a montaxe multicisplicinar A nena e o grilo, baseada no conto-cd co mesmo nome de OQO editora e que foi repartido gratuitamente ás familias asistentes.

Con este concerto-espectáculo, con entrada de balde ata que se complete o aforo do Auditorio Casa da Cultura, comezarán en Burela as actividades de OQO editora En clave de conto .A finalidade é achegar as nenas e os nenos ao galego no plano da lectura e no da escoita, ao tempo que educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a lingua.

Por iso, ademais do concerto, as familias poderán participar o vindeiro sábado, 12 de febreiro, no Obradoiro para as familias EU FALO ASÍ. Esta actividade gratuíta realizarase ás 12.00 horas e nela procúrase reforzar o uso do galego no contexto afectivo, desenvolvendo a competencia oral e escrita.

Este taller ten a súa orixe na canción ‘Cri-cri’ de A nena e o grilo. A partir deste tema as familias xogarán a identificar as distintas linguas da peza (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro…) e o seu idioma principal: o galego.

Neste obradoiro traballarase tamén co álbum O embigo de Xanecas da Colección O de OQO editora. Por este motivo, as familias participantes (con rapaces con idades de entre 3 e 5 anos) serán agasalladas con este libro.

BURELA
OBRADOIRO 12 feb. 2011. 12 h
Biblioteca Casa da Cultura, rúa de Pardo Bazán, 6
tel. 982 580 683

Este concerto-espectáculo teatral A NENA E O GRILO forma parte da campaña En clave de conto que OQO editora realiza para o programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

CONCERTO A NENA E O GRILO

Este espectáculo está baseado no traballo bibliodiscográfico co que o compositor e intérprete Magín Blanco (O Barco de Valdeorras) se atreveu a dar o salto ao público infantil da man de OQO editora e da súa colección musical Q son. Producido na parte musical por Uxía e ilustrado por outro ourensán Iván Prieto, colaboraron músicos coma Guadi Galego, Ugia Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila.

O resultado é un traballo de equipo que no escenario mantén o seu carácter familiar no que Magín Blanco (guitarra, voz) estará acompañado por Xoán Buriel (guitarra e voz), Sergio Sales (teclado), Sergio Tannus (guitarra e percusión) e Charo Pita (voz e narración).

A parte narrada da montaxe adquire unha vital importancia, xa que relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que nos amosa as ilustracións de Iván Prieto.

Durante o concerto poderon gozar dunhas cancións que, en palabras de Magín Blanco, ‘non parten de ningún estilo en concreto’ e que son ‘unha amálgama’ das músicas que todos os colaboradores do libro-CD A nena e o grilo levan escoitado ao longo das súas vidas. Porén, resultan claramente recoñecibles ecos de rumba, bossa nova, reggae ou folk.

En clave de conto estivo xa en Ourense, Carballo, Allariz, Boiro, Cambados, Muros e Vilalba. Despois de A Estrada, desprazarase a Burela, Teo e Gondomar ata o 25 de febreiro de 2011.

BURELA
CONCERTO 5 feb. 2011. 18 h
Auditorio Casa da Cultura, rúa de Pardo Bazán, 6