INSTITUTO CERVANTES DE PEQUÍN (A CHINA). Novas formas de mirar. ‘A arte e o álbum ilustrado’

INSTITUTO CERVANTES DE PEQUÍN (A CHINA). Novas formas de mirar. ‘A arte e o álbum ilustrado’

5/09/2009

Con motivo de que España foi o país Invitado de Honra na Feira Internacional do Libro de Pequín 2009, o Instituto Cervantes de Pequín e o Instituto de Comercio Exterior (ICEX) deseñaron un extenso programa de actividades destinado a presentar no país anfitrión o traballo das editoriais de maior proxección, así como o máis representativo da diversidade cultural de España. OQO editora foi unha das editoriais invitadas a realizar varios obradoiros.

En Novas formas de mirar. A arte e o álbum ilustrado falamos da importancia de lles achegar aos máis pequenos, ilustracións que recollan distintas sensibilidades plásticas e imaxes artísticas que ofrezan unha segunda lectura da narración, para educarmos a sensibilidade dos nenos e nenas no pracer da imaxe.

Realizamos un achegamento á historia da ilustración e á súa evolución, e propuxemos unha análise das distintas técnicas e estilos utilizados polos ilustradores (colaxe, acrílico, fotomontaxe, escultura…), e mais polos narradores. Finalmente, pechamos cun repaso polas metáforas visuais contidas nas imaxes dos libros, realizado a partir das ilustracións de distintos libros de OQO.