En clave de conto

En clave de conto

4/02/2011

A Estrada acolle hoxe o obradoiro para as familias de ‘En clave de conto’ co que pais e fillos reforzan lazos afectivos con cancións e contos en galego

O obradoiro EU FALO ASÍ é unha actividade en familia que reforza os lazos afectivos, que permite gozar dun momento divertido, dá a posibilidade de acudir ao galego para enriquecer o vocabulario e, o máis importante, incorporalo á vida cotiá. Asemade, reforza o uso do galego no contexto afectivo, desenvolvendo as competencias oral e escrita.

Este taller ten a súa orixe na canción ‘Cri-cri’ de o libro CD A nena e o grilo. A partir deste tema as familias xogarán a identificar as distintas linguas da peza (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro…) e o seu idioma principal: o galego.

Neste obradoiro traballarase tamén co álbum O embigo de Xanecas da Colección O de OQO editora. Por este motivo, as familias participantes (con rapaces con idades de entre 3 e 5 anos) serán agasalladas con este libro.

Esta actividade gratuíta realizarase ás 18.00 horas e nela procúrase reforzar o uso do galego no contexto afectivo, desenvolvendo a competencia oral e escrita.

EU FALO ASÍ pon punto e final en A Estrada as actividades de ‘En clave de conto’, de OQO editora para a campaña Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística, xa que o pasado sábado, 29 de xaneiro, celebrouse no Teatro Principal o concerto-espectáculo teatral A NENA E O GRILO, con máis de 200 asistentes.

A ESTRADA
OBRADOIRO 4 feb. 2011. 18 h
Biblioteca Municipal, avda. de Benito Vigo, 104
tel. 986 573 188