Zimbo

Arturo Abad & Joanna Concejo

ISBN: 978-84-9871-315-2

A cada corda que Zimbo cortaba, o Monicrequeiro notaba como se rompían os fíos que tensaban a súa alma.

 

Hai lazos que se deben romper para que outros ?como os que constrúe o afecto? non rompan nunca.

 

16,00

INFORMACIÓN

Páginas: 32 páxs.

Encuadernación: cartoné

Medidas: 22x28 cm

Publicación: abril 2011

A cada corda que Zimbo cortaba, o Monicrequeiro notaba como se rompían os fíos que tensaban a súa alma.

 

Hai lazos que se deben romper para que outros ?como os que constrúe o afecto? non rompan nunca.

 

Esta historia emotiva tanto na prosa lírica de Arturo Abad, como nas evocadoras ilustracións de Joanna Concejo mergúllase no doloroso que resulta deixar marchar as persoas que un quere. Irse e deixar ir nada ten que ver con deixar de querer.

 

Arturo Abad sitúa o lector a ambos os lados do espello e ofrece unha visión ecuánime da situación. Deste xeito, conmove por igual, tanto coa tristeza que lle xera ao boneco de cedro Zimbo a falta de liberdade, como coa aflición que lle provoca ao Monicrequeiro a marcha de quen estima como un fillo e que desexaría que permanecese sempre ao seu carón.

 

É doado comprender a frustración e a apatía de Zimbo pola súa actual vida: carente de autonomía e independencia. As posibilidades de desprazamento e coñecemento están limitadas polos fíos e polo manexo que fai o Monicrequeiro deles. Isto impídelle gozar plenamente do seu particular microcosmos, coñecer lugares, xente nova e poder experimentar por si mesmo.

 

Arturo Abad logra que o lector comparta con Zimbo estes anhelos, aínda que a privación de liberdade proveña da gaiola de ouro que supón os coidados e o agarimo do Monicrequeiro. Este feito reforza o carácter valente e de heroe do protagonista, que podería elixir unha existencia cómoda, onde todo lle é regalado, sen esforzos e preocupacións.

 

Unha situación vivida por heroes mitolóxicos, como Ulises coa bela ninfa Calipso, unha referencia literaria e unha actitude vital que non é casual por parte do autor e que xa adianta na fermosa dedicatoria: Para miña irmá Penélope, que preferiu deixar de coser e emprender a busca de Ítaca. De igual xeito, o lector emociónase coa situación do que é abandonado.

 

O texto traslada con tacto e tenrura o abatemento do Monicrequeiro para quen cada unha das súas criaturas de madeira son eses fillos que un pai desexa que non crezan nunca e permanezan baixo o seu cariño e coidado (os fíos), a risco non só de sobreprotexelos, senón de impedir a súa felicidade.

 

Este personaxe, lonxe de parecernos un carcereiro, esperta empatía pola súa capacidade de antepor os desexos de quen quere aos seus e saber poñerse no lugar do outro. Fórmula moi predicada, pero de difícil execución: O Monicrequeiro sentiu o seu peito estremecer. —Non podo darche iso! –protestou. As aflixidas pupilas de Zimbo mirárono desde o fondo do escenario e o Monicrequeiro recordou que, para ser feliz, cómpre descubrir o que desexas.

 

Neste caso, a beleza da xenerosidade do Monicrequeiro non reside unicamente en que acepte a independencia de Zimbo, senón que se presta a colaborar. “A historia xermolou cando nunha conversa xurdiu a frase ‘se eu fose unha marioneta, cortaríame os fíos’. Encantoume a imaxe dunha marioneta cuxo único anhelo sexa conseguir unhas tesoiras para liberarse. De aí derivou á metáfora do pai que sofre o proceso de aceptar a independencia dos fillos e de participar tamén nela, o que é aínda máis duro”, admite con agarimo cara aos seus personaxes Arturo Abad.

 

Unha dozura reforzada pola tenrura e delicadeza coa que Joanna Concejo dá vida a estes personaxes. Ilustracións, como todas as súas, cargadas de poesía que acompañan á perfección á prosa rítmica do escritor.

 

“Estaba desexando volver ao branco e negro, a miña técnica favorita polo seu carácter sinxelo, natural e evidente”, apunta con entusiasmo a ilustradora polaca que conta en OQO con traballos premiados como Fume (White Raven 2009) e Cando non atopas a túa casa.

 

Do mesmo xeito que nas outras dúas colaboracións con OQO, Joanna Concejo volve debuxar con lapis, unha preferencia que atribúe a que, aínda que poida parecer “pobre”, o resultado é “máis potente” e as imaxes “teñen moita máis forza dramática”. Como é habitual nos seus traballos, reserva a cor para os momentos máis felices do libro. Así, cando Zimbo ?a quen Joanna Concejo tamén describe como un “heroe”? se sente libre é cando se produce “unha explosión de cor”, ao corresponderse co momento “culminante” do relato.

 

A cor permanecerá despois en pequenos “toques” ou pinceladas para remarcar a presenza do protagonista: “as súas ideas permanecen para darlles esperanza aos que quedan”, da mesma forma que este álbum nola dá a todos os que gozamos da súa lectura.

 

Mención WHITE RAVEN

(Internationale Jugend Bibliotek de Munich)

entre os álbums máis fermosos do mundo 2011

 

Texto de Arturo Abad

Ilustracións de Joanna Concejo

Tradución do español de Paco Liván

Últimos productos