Cando chega a noite e o silencio dos soñadores inunda a cidade, do taller de corazóns xorden misteriosos sons, porque… Matías ten un segredo.
Taller de corazóns recrea unha artesanía marabillosa na que non se arranxan zapatos, nin paraugas, nin se restauran mobles ou se zurcen descosidos pantalóns. Matías, o protagonista, repara —co mesmo mimo e coidado que pon todo artesán— corazóns danados.
15,00€ – 16,00€
Cando chega a noite e o silencio dos soñadores inunda a cidade, do taller de corazóns xorden misteriosos sons, porque… Matías ten un segredo.
Taller de corazóns recrea unha artesanía marabillosa na que non se arranxan zapatos, nin paraugas, nin se restauran mobles ou se zurcen descosidos pantalóns. Matías, o protagonista, repara —co mesmo mimo e coidado que pon todo artesán— corazóns danados.
O seu traballo nada ten que ver co dun cardiólogo nin o seu taller cun quirófano. Cunha estufa de leña quenta corazóns xeados; con agullas de prata cose corazóns rotos; e cunhas pinzas de esquecemento axusta a hora de corazóns que atrasan para que non se poñan tristes coas lembranzas do pasado.
Para os ‘males do corazón’ recórrese, convencionalmente, ao efecto mitigador do paso do tempo.
Con todo, Arturo Abad fainos soñar —no seu primeiro conto editado— coa posibilidade de que os danos emocionais poidan ter tan sinxelo remedio, como unha dobra descosida ou un tacón roto.
No entanto, non hai frialdade no traballo do protagonista nin na narración do autor, cargada de tenrura, consciente do simbolismo afectivo e sentimental atribuído universalmente a este órgano. Imposible tampouco non se conmover co segredo de Matías, que nos revela a xenerosidade sen límite e capacidade de sacrificio do que ama verdadeiramente.
Este incrible taller e o seu protagonista só poderían cobrar vida nas sempre oníricas imaxes de Gabriel Pacheco. O ilustrador mexicano xoga intencionadamente con dúas cores: o vermello e o azul, indisociables do corazón, o sangue que a través das nosas veas azuis é bombeado.
“Din que o noso corazón é do tamaño do noso puño. Se é así, que o amor dos namorados sexa unha man aberta pola que voa a vida”, proclama Pacheco. Seguramente este é o motivo polo que centra a carga narrativa das imaxes nos delicados e etéreos protagonistas: Matías e a súa querida Beatriz, a quen ve como “dous opostos que se perseguen infinitamente”. Por iso, nas súas ilustracións é quen sae ao seu encontro todas as primaveras —estación subliñada por un collage de teas de flores que se trepan polas árbores— no “xogo incesante que se enrosca polo fío do tempo”.
O fío é unha imaxe recorrente e condutora na narración visual que é complementaria ao texto de Arturo Abad e que o ilustrador xustifica en que “os nosos corazóns están tecidos do fío que fertiliza, que se enrosca, que é a crisálida dunha flor. : esa promesa que é a vida mesma”.
Igualmente presentes están as latas, tamén cunha finalidade simbólica: “non se perde nada, sempre podemos comezar as cousas: é como a lata que rola no tempo ata que brota unha primavera coma unha maceta chea de flores”. Así nace o amor ou así o ven e contan Gabriel Pacheco e Arturo Abad.
Texto de Arturo Abad
Ilustracións de Gabriel Pacheco
Tradución do castelán de Marisa Núñez