Colección

Rapuncel

Iratxe López de Munáin

ISBN 978-84-9871-369-5

14,90

Cantidade:
INFORMACIÓN
  • Paxinas 40 páxs.
  • Encadernación cartoné
  • Medidas 25x23 cm
  • Publicación febreiro 2012

Un home e unha muller vivían desconsolados porque non tiñan fillos. Por fin, unha primavera, a parella viu cumprido o seu desexo: Esperaban un bebé!

Un día en que a muller se sentía moi débil, pediulle ao seu home que lle fose por uns rapuncios, o mellor remedio para as doenzas das preñadas, ao xardín veciño, onde vivía unha poderosa meiga, temida en todo o val.


Descrición

Un home e unha muller vivían desconsolados porque non tiñan fillos. Por fin, unha primavera, a parella viu cumprido o seu desexo: Esperaban un bebé!

Un día en que a muller se sentía moi débil, pediulle ao seu home que lle fose por uns rapuncios, o mellor remedio para as doenzas das preñadas, ao xardín veciño, onde vivía unha poderosa meiga, temida en todo o val.

–Quen es ti para vir aquí a roubar? Isto vaiche custar caro! Teredes que entregarme o voso bebé en canto naza.

 

E así sucedeu. Con enorme pena, os pais tiveron que entregar a meniña, á que chamaron Rapuncel. Cando cumpriu doce anos, a meiga pechouna nunha torre, por medo a que marchase do seu carón. E alí viviu, vendo pasar os días, ata que un príncipe se fixou nela cando lanzaba as súas longas trenzas pola ventá, e namorouse perdidamente…

 

Desde a primeira publicación en Alemaña en 1812, dentro do volume Kinder- und Hausmärchen, o conto dos irmáns Grimm viu a luz en centos de idiomas e nas máis variadas edicións, desde a primeira versión ilustrada por Philip Grot, ata o recentemente galardoado coa medalla Caldecott Paul O. Zelinsky. Tamén serviu de inspiración a composicións musicais como Märchenbilder, de Schumann, ou a diversas adaptacións cinematográficas como o musical The Pebble and the Penguin de Don Bluth, Barbie Rapunzel de Owen Hurley ou a última produción de Disney, Enredados.

 

Aínda que a versión que actualmente coñecemos provén de Alemaña, existe unha variante anterior recollida en Italia en 1634 por Gianbattista Basile, de título Petrosinela. Jacob e Wilhelm Grimm idearon o nome de Rapunzel para a protagonista a partir da denominación xermana da planta que desata o conflito na obra. En galego, esta hortaliza de follas azuis recibe o nome de raponcio ou rapuncio.

 

Na maior parte das versións que coñecemos actualmente, a muller embarazada aparece como un ser caprichoso e egoísta ao que se lle antollan froitas como pexegos, mazás, cirolas segundo as distintas adaptacións.

 

O álbum creado por Iratxe López de Munáin rompe con esa tendencia e presenta a futura nai como unha muller intelixente e preocupada pola súa saúde, coñecedora das propiedades curativas das plantas, que pide rapuncios para aliviar o seu malestar durante o embarazo.

 

Así, fronte ás versións que retoman o mito bíblico do castigo tras o roubo da froita prohibida, esta proposta reivindica a conexión feminina coa natureza nun dobre sentido: a planta que axuda a un embarazo saudable e que ademais ten propiedades cicatrizantes, de aí que as bágoas da protagonista curen a cegueira do príncipe.

 

Iratxe López de Munáin opta por unha proposta plástica que nos presenta uns personaxes moi afastados dos estereotipos dos contos de fadas. “A primeira vez que lin o clásico dos Grimm gustoume o feito de que debaixo de todas esas torres, bruxas, príncipes e trenzas interminables houbese unha historia próxima e atemporal: a dunha nai que ten medo a que a súa filla creza e polo tanto, a que poida sufrir. E a dunha rapariga con ganas de decidir por si mesma, de abandonar a seguridade que a súa nai lle ofrece e de atopar a súa propia voz”.

 

Neste álbum, a propietaria do xardín de rapuncios non se presenta nin no texto nin na ilustración como unha bruxa, senón como unha poderosa meiga e unha “nai” sobreprotectora. O lector é testemuña e acompañante do proceso de cambio e de crecemento de Rapuncel, de como vence os seus medos para poder continuar o seu camiño.

 

As ilustracións son limpas e claras, realizadas con lapis e gouache “unha técnica coa que me sinto moi cómoda e que me axudou a traballar con imaxes de ambientes sinxelos, baleiros e atmosféricos onde os personaxes e situacións levan toda a atención”. A acción transcorre tamén en escenarios atemporais cos que a autora pretendeu evocar no lector a sensación de universalidade, de que a historia podería transcorrer en calquera lugar e momento histórico.

 

As gardas preséntannos a flor azul do rapuncio, apenas presente nas versións precedentes, nunha chiscadela final ao amor da protagonista e do príncipe.

 

 

Texto e ilustracións de Iratxe López de Munáin

 

Tradución do castelán de Laura Rubio