Colección
Esgotado

Non quero ser un polbo!

Francesca Chessa

ISBN 978-84-9871-391-6

14,90

Este producto está agotado.

INFORMACIÓN
  • Paxinas 28 páxs
  • Encadernación cartoné
  • Medidas 25x23 cm
  • Publicación xullo 2012

—Ola! Chámome Octavio. Gustaríame traballar no circo do fondo do mar, pero os meus tentáculos son un estorbo: non sei que facer con eles! Estou farto de ser un polbo!

 

Así de choromicas se nos presenta Octavio, quen lamenta a súa condición de polbo e desexaría ser un golfiño para saltar e facer piruetas ou unha balea para botar chorros de auga coa potencia dunha catarata.


Descrición

—Ola! Chámome Octavio. Gustaríame traballar no circo do fondo do mar, pero os meus tentáculos son un estorbo: non sei que facer con eles! Estou farto de ser un polbo!

 

Así de choromicas se nos presenta Octavio, quen lamenta a súa condición de polbo e desexaría ser un golfiño para saltar e facer piruetas ou unha balea para botar chorros de auga coa potencia dunha catarata.

Este pequeno cefalópodo cobiza o que posúen os demais habitantes do fondo mariño e el non ten: a posibilidade de cambiar de cor coma certos peixes ou o afiado nariz dun peixe espada. Pola contra, detesta o que o fai diferente, único e especial: ter oito brazos.

É importante que desde os primeiros anos da infancia, os nenos e as nenas coñezan os roles das persoas que conforman a súa contorna, tanto escolar como familiar (quen é cada un, a que se dedica…).

Isto permitiralles descubrir os coñecementos ou habilidades que son necesarias para cada unha das funcións que realizan. Á vez, tomarán consciencia de que non todas as persoas posúen as mesmas calidades. Con todo, o que nos supón unha limitación para algunhas tarefas, fainos únicos para outras.

Así llo fan ver a Octavio os golfiños cando este pretende emulalos facendo piruetas:

—Es un polbo, Octavio.

Se intentas saltar, vasnos manchar de tinta

–dixéronlle os golfiños–.

 

Na mesma liña, anímao o peixe espada, cando o pequeno polbo se entristece tras ser rexeitado polos peixes de cores:

—Non lles fagas caso ningún!

–tratou de animalo o peixe espada, ao velo tan triste–.

Ti es o único que pode dar abrazos.

Por que te queixas?

 

Este reproche final supón unha chamada de atención para que advirta que a natureza dos seus compañeiros mariños —a quen envexa— supón, ademais de vantaxes, inconvenientes (non contan con extremidades, polo que non poden andar ou abrazar).

En cambio, todos eles, ao contrario que Octavio, están gozando das súas calidades máis que lamentarse das súas limitacións, que calquera, nun ou outro ámbito da súa vida, posúe. Tomar consciencia disto último, desde unha idade temperá, é indispensable para conseguir un bo desenvolvemento da personalidade e unha actitude positiva cara aos demais.

Octavio non chegará a esta aprendizaxe ata que experimente por si mesmo as vantaxes de ser un polbo. Para iso, será determinante unha experiencia extrema: o ataque dun tiburón.

A autoestima e a autenticidade é o camiño da satisfacción para Octavio, quen finalmente atopará o seu espazo, grazas ao recoñecemento e valoración das características do seu corpo: pode soltar tinta. Deste xeito, consegue unha imaxe positiva de si mesmo e a aceptación por parte de todos os demais amigos do mar.

“Un punto común en todas as miñas historias é o de aceptar o que es (ou tes) e sacar o máximo partido diso”, subliña Francesca Chessa, cunha ampla bagaxe como autora e ilustradora, aínda que, nesta dobre faceta, debuta en España con esta historia que retrata un personaxe que converte “nun don as súas peculiaridades físicas”.

Este álbum busca a aceptación dun mesmo e a valoración da nosa identidade fomentando unha actitude positiva que Francesca Chessa defende e exerce. “Débollo á miña nai, foi quen mo ensinou”, valora a ilustradora.

Por iso, a ambientación é colorista e vital, a través dunha gama cromática de cores cálidas e alegres, entre as que destaca o azul, o amarelo e o rosa. Para dar vida aos seus personaxes, a autora escolle un estilo desenfadado que desprende optimismo e humor.

A galería de personaxes coa que presenta o fondo mariño ofrece amplas posibilidades de recreación visual para os máis pequenos, que descubrirán detalles en cada nova lectura e en todas elas irán apontoando un pouco de amor propio.

 

Texto e ilustracións de Francesca Chessa

 

Tradución do castelán de Laura Rubio