Galiño Pelado

Paula Carbonell & Philip Giordano

ISBN: 978-84-9871-426-5

 

Había unha vez un galiño
que só pensaba en comer.

 

Pasaba o día buscando comida
e tragando todo o que atopaba.

 

14,90

Categories ,

Este producto está agotado.

INFORMACIÓN

Colección: ,

Páxinas: 40 páxs.

Encadernación: cartoné

Medidas: 25x23 cm

Publicación: xaneiro 2013

 

Había unha vez un galiño
que só pensaba en comer.

 

Pasaba o día buscando comida
e tragando todo o que atopaba.

 

Esta afirmación non é hiperbólica. Galiño Pelado engulía literalmente todo o que atopaba ou entorpecía o seu camiño. No entanto, unha mañá viu un papeliño e, cando o ía papar, leu o que poñía: O rei daríalle un saco de ouro a quen llo entregase.

Galiño Pelado aledouse, pero non polo botín, senón porque pensou que se entregaba aquel papeliño ao rei, camiño de palacio atoparía “moitas cousas ricas”. E, con esta motivación comellona, botouse a andar.

O súa obstinada determinación e a súa ilimitada gula provocan que calquera elemento, animal ou cousa que se cruza no seu camiño acaben no seu estómago. O galo abre o peteiro e trágao! Da súa voracidade non se libra nin o mar nin unha cabana (cun leñador dentro) nin un formigueiro nin tan sequera un raposo!

Nesta adaptación do conto popular valenciano Mig pollastre (Medio pitiño), de Paula Carbonell, o que engule o protagonista debe interpretarse, metaforicamente, como experiencias asimiladas, xa que, finalmente, o que traga acaba converténdose nunha valiosa ferramenta da que saca proveito.

Aquilo que inicialmente se lle presenta a Galiño Pelado como un obstáculo no seu obxectivo será a solución a unha encrucillada vital. O relato confirma que cada problema resolto enriquece e convértese nunha especie de chave que axuda a facer fronte ao seguinte.

“Galiño Pelado é aquel que pasa polo mundo tendendo a man e, sen el procuralo, ao final é axudado polos seus amigos”, resume Paula Carbonell. Esta calidade do protagonista estaba presente no relato orixinal, Mig pollastre, historia que forma parte da vida da escritora, ata o punto de que o seu primeiro álbum A viaxe das bolboretas é unha homenaxe a este conto.

“Supoño que o meu Galiño Pelado ten que ver coa miña forma de entender o mundo”, apunta Paula Carbonell. Unha perspectiva que comparte o ilustrador, Philip Giordano, quen ve nesta historia —e, en concreto, na súa resolución — un encomio á amizade. “Ao final, esta ‘máquina’ que devora todo o que atopa, fainos sorrir e parécenos máis humano”, subliña o ilustrador italiano.

Non é o único que valora Philip Giordano do conto, xa que grazas a este álbum (a súa primeira colaboración con OQO) abandonou os seus “receos” a traballar co ordenador. “Deume a oportunidade de experimentar con novas formas de expresión”, destaca satisfeito.

Así, en Galiño Pelado, tratou de recrear dixitalmente os efectos que se acadan mediante a litografía, co obxectivo de plasmar nas ilustracións un ambiente “un pouco retro”. Para conseguilo, escaneou as partes feitas a lapis e despois aumentou o contraste, tal e como o faría o ácido sobre a prancha de cinc. Philip Giordano utilizou unha gama cromática limitada e mesturou técnicas dixitais con tradicionais, para atopar un equilibrio. Deste xeito, xogou con formas sinxelas e con diferentes texturas, tomadas de papeis antigos, ou creadas por el mesmo, con técnicas como a monotipia.

O artista Takashi Kono (1906-1999), e os seus traballos gráficos dos anos 30-40 en particular, foron a principal fonte de inspiración do ilustrador para este álbum. “A súa obra é unha nostálxica e orixinal evocación de Occidente. E é a idea de atopar un equilibrio entre estes dous extremos o que me fascina. Cando os límites non son tan nítidos, as partes fúndense e nace algo novo e interesante”, argumenta o ilustrador, quen reside actualmente en O Xapón.

A elección da cor negra para dar vida a Galiño Pelado non foi accidental, Philip Giordano interpreta así a “paixón/obsesión” do protagonista pola comida, “coma se fose dun buraco negro, que todo o devora”.

E de igual xeito que este fenómeno físico —que expulsa parte do que absorbe para sementar o universo e axudar ao desenvolvemento de estrelas, planetas e, como non, de vida— o noso protagonista tamén acaba regurxitando os que formarán parte da súa nova existencia: Galiño Pelado, con amigos e ouro, puido comer e viaxar canto quixo… e máis!

 

 

Texto de Paula Carbonell

Ilustracións de Philip Giordano

 

Tradución do castelán de Ana Belén García

 

Últimos produtos