Colección O
Esgotado

Andrés cabeza abaixo

Pablo Albo & Roger Olmos

ISBN 978-84-9871-234-6

14,90

Este producto está agotado.

INFORMACIÓN
  • Paxinas 40 páxs.
  • Encadernación cartoné
  • Medidas 25x23 cm
  • Publicación setembro 2010

E, como se temía, Andrés acabou na barriga do lobo feroz, que estaba dentro da barriga do león famento, que estaba dentro da barriga do oso salvaxe, que estaba dentro da barriga do dragón terrible, que estaba dentro da barriga do ogro.

 


Descrición

E, como se temía, Andrés acabou na barriga do lobo feroz, que estaba dentro da barriga do león famento, que estaba dentro da barriga do oso salvaxe, que estaba dentro da barriga do dragón terrible, que estaba dentro da barriga do ogro.

 

Pablo Albo preséntanos neste conto unha especie de matrioska de todas as temidas e voraces feras dos contos tradicionais. O autor de A sopa queima, O último canto, Un gato na árbore e O Papón (OQO editora) realiza este orixinal repaso a través do estómago de cada unha das criaturas fantásticas que, xeración tras xeración, atemorizan nenos de todas as épocas baixo a ameaza de tragalos.

 

É moi común nos contos populares esta estrutura acumulativa na que un monstro garda nas entrañas outro e así sucesivamente, ata chegar a liberar ao que está no interior, case sempre coa finalidade de salvar o heroe do conto.

 

En Andrés cabeza abaixo o protagonista é engulido por un ogro. A partir desta fatalidade, o pesimismo aprópiase do pequeno: Coa mala sorte que teño, seguro que na barriga do ogro atopo un dragón terrible que me quere papar. E así foi. Esta concatenación de estómagos e predicións susténtase no agoiro popular de que o que pode saír mal sairá mal.

 

A pesar do pesimismo de Andrés, Pablo Albo ofrécenos unha versión cómica e non dramática da Lei de Murphy (a torrada sempre caerá polo lado da manteiga), grazas tamén ás divertidas ilustracións de Roger Olmos.

 

O ilustrador de A cabra boba, A cousa que máis doe do mundo, Sígueme!(Unha historia de amor que non ten nada de raro) e Mosquito (OQO editora) recorre ao seu inconfundible estilo: impactantes imaxes con perspectivas moi eficaces para guiar a acción e asimilar conceptos espaciais que marcan o ritmo da narración. Ademais, o seu humor irreverente encaixa coa lectura divertida que pretende este álbum.

 

Como adoita ser tamén habitual en Roger Olmos, as súas ilustracións están cheas de chiscadelas ao lector que o obrigan a non perder nin un só detalle. Así, o álbum ten a capacidade de sorprender nunha segunda, terceira, cuarta… lectura e conectar con todas as idades. “De primeiras, imaxinei a historia real de Carapuchiña Vermella: estaba seguro de que os zumes gástricos do lobo xa farían das súas con ela polo tempo que tardaron en sacala”, argüíu o ilustrador catalán para atreverse con certas imaxes.

 

A diversión, a risa e a aprendizaxe están garantidas neste libro: Andrés, finalmente, decide ver a botella medio chea e reconsidera a súa actitude vital, ao comprender que o que pode empeorar tamén ten as mesmas posibilidades de mellorar; e os pequenos lectores asumen con naturalidade que todos, ata as feras dos contos, expulsan polo mesmo sitio o sobrante do proceso dixestivo.

 

Texto de Pablo Albo

Ilustracións de Roger Olmos

 

Tradución do castelán de Paco Liván