Á sombra dos anacardios

Antón Fortes & Simona Mulazzani

ISBN: 978-84-9871-284-1

Ten flores verdes, ás veces amarelas, e unhas froitas vermellas que se comen. Sempre lle pregunto cándo vou curar, para non ir máis ao hospital. As follas abanean co vento… Parecen dicir: Axiña…, axiña…!

 

21,00

INFORMACIÓN

Páginas: 40 páxs.

Encuadernación: cartoné

Medidas: 24x30 cm

Publicación: setembro 2010

Ten flores verdes, ás veces amarelas, e unhas froitas vermellas que se comen. Sempre lle pregunto cándo vou curar, para non ir máis ao hospital. As follas abanean co vento… Parecen dicir: Axiña…, axiña…!

 

Nunha nova mostra do seu compromiso cos temas sociais, OQO editora publica o terceiro título de Qontextos, colección na que repite Antón Fortes. O autor galego abriu con Fume esta serie que, desde unha perspectiva solidaria, pretende contribuír á educación en valores e invitar á colaboración para mellorar as condicións da poboación infantil máis desfavorecida.

 

Neste álbum abórdase o grave problema da sida en Guinea Bissau, que afecta unha alta porcentaxe da poboación infantil. Este país africano é un dos que rexistra maior subdesenvolvemento de todo o mundo. Por este motivo, enfermidades infecciosas ou de transmisión sexual quedan sen tratar, o que provoca que se agraven e cheguen a producir a morte. A mortalidade infantil, causada por esta desatención en saúde, é moi elevada no país: de cada mil nados vivos, 105 bebés morren antes de cumprir un ano.

 

OQO editora contou neste álbum coa colaboración da Asemblea de Cooperación pola Paz, que traballa neste país co Ministerio de Saúde e as comunidades locais en proxectos para a construción e dotación de infraestruturas sanitarias, a formación de persoal cualificado e a sensibilización social sobre a importancia da saúde. O autor cedeulle os dereitos do libro a esta ONG, tal e como fixo con Fume para a ONGD Creart.

 

En Á sombra dos anacardios, igual que en Fume, hai lugar para a esperanza. En pleno entroido de Bissau, na vida da pequena protagonista fai acto de presenza a máscara da morte e con ela o medo. No entanto, esta terrible figura é contrarrestada cos coidados e alento do doutor Vieira.

 

Fiel á actitude vital desta poboación, Antón Fortes transmite a capacidade de seren felices destes pequenos, a pesar do oprobio económico e enfermidade, que non é obviada polo autor. Así, o día da festa de entroido, as risas e os bailes nos que todos participan vense ensombrecidos por unha canción sobre a sida. Un sabor agridoce no que o amargor non gaña a loita. Deste xeito, se no colexio lles ensinan palabras novas como epidemia, praga de lagostas… tamén forman parte da aprendizaxe outras como cooperación e marimba, de clara connotación positiva. Ademais, logo da escola, o traballo na casa e na rúa, e as visitas ao hospital, a pequena ten un refuxio: o anacardio.

 

A elección desta árbore non é gratuíta, xa que abunda neste país africano. Precisamente, o froito, do mesmo nome e comestible, é de sabor agridoce e a súa pel ten propiedades medicinais, polo que é utilizada en produtos farmacéuticos. A ilustradora italiana Simona Mulazzani viste esta árbore protectora con cores moi ligadas ao continente africano: verde, amarelo e vermello intensos.

 

Unha paleta cromática que espalla por todo o álbum e coa que reforza a mensaxe optimista da historia. A aposta de Mulazzani por cores vivas e por personaxes de aparencia forte e saudable incide na mensaxe positiva e esperanzadora do relato de Antón Fortes: “Quizais o próximo entroido, a máscara será vermella e terá forma de corazón, como un anacardio, porque a solidariedade fai desaparecer a dor, a miseria e a morte, e acende unha candea de esperanza en África”.

 

Texto de Antón Fortes

Ilustracións de Simona Mulazzani

Últimos productos