As literaturas infantís e xuvenís ibéricas

As literaturas infantís e xuvenís ibéricas

8/09/2010

SANTIAGO DE COMPOSTELA. ‘Os Contos do Camiño’ participa no Curso ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas’

O proxecto europeo Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Os Contos do Caminho/Les Contes du Chemin participará no Curso de formación continua: As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. Reescrituras actuais do conto popular. Século XXI que se desenvolverá do 6 ao 8 de setembro na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela e que presenta os acontecementos máis salientables sobre a LIX ibérica no último ano e o monográfico Reescrituras do conto popular (2000-2009).

No marco deste curso, organizado pola USC e a Asociación de Escritores en Lingua Galega co apoio de diversas institucións e con máis de cen matriculados, terán lugar encontros con recompiladores de contos, con narradores tradicionais, con escritores e escritoras que reescriben contos; mesas e coloquios sobre as reescrituras actuais de contos populares e a súa investigación, experiencias, obradoiros, etc.

A coordinadora do proxecto europeo, Eva Mejuto (OQO editora), incidirá na importancia da transmisión oral dos contos e, no caso en concreto destas actividades, no feito de como os peregrinos, ao longo do camiño, traían con eles a cultura, a lingua… dos seus respectivos lugares de orixe. Deste xeito, os contos viaxaron a través da palabra, memoria viva da voz e da tradición dos diversos pobos, e así chegaron a Galicia.

LUGAR: BIBLIOTECA FUNDACIÓN CAIXA GALICIA EN SANTIAGO
DATA: Mércores 8 de setembro 2010
HORA: 10.30-11.30 h