Mercado Atlántico de Creación Contemporánea

Mercado Atlántico de Creación Contemporánea

6/09/2010

SANTIAGO DE COMPOSTELA. ‘Os Contos do Camiño’ no Mercado Atlántico de Creación Contemporánea

O proxecto europeo Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Os Contos do Caminho/Les Contes du Chemin será presentado no Mercado Atlántico de Creación Contemporánea (MACC).

Este foro é un encontro profesional multidisciplinar que ten como obxectivo a difusión e o intercambio de ideas entre creadores, artistas, produtores, xestores da cultura, empresas e institucións.

Macc é un espazo de intercambio no que se difunden ideas e procesos de traballo que apostan polo risco e o atrevemento; no que profesionais interesados no ámbito da economía social traballan na construción dunha relación saudable e frutífera entre a creación artística, a economía e a empresa.

A coordinadora de Os Contos do Camino/Los Cuentos del Camino/Os Contos do Caminho/Les Contes du Chemin, Eva Mejuto (OQO editora) dará a coñecer o resultado das actividades que se celebraron en Bordeaux (Francia), Évora, Óbidos, Beja e Pombal (Portugal), Madrid e Santiago de Compostela. Nos talleres plásticos participaron máis de 25.000 nenos, cuxas creacións están expostas no Museo do Pobo Galego desde o 8 ata o 30 de setembro.

Por este motivo, Raquel Méndez (encargada de OQO editora das actividades de animación á lectura en Évora e Santiago de Compostela) guiará os asistentes pola mostra e explicaralles o proceso creativo e o que se procuraba nestes talleres.

LUGAR: MUSEO DO POBO GALEGO
DATA: Venres, día 10 de setembro 2010
HORA: 18.00-18.30 h