SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA 2010. Presentación ‘Os Contos do Camiño’

SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA 2010. Presentación ‘Os Contos do Camiño’

10/02/2010

O proxecto europeo ‘Os Contos do Camiño’ será presentado en Pontevedra na Sede Fundación Caixa Galicia, dentro das actividades do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2010.

Co obxectivo de aproveitar o coñecemento artístico e cultural doutros pobos que supón o Camiño de Santiago, naceu o proxecto pluridisciplinar Os Contos do Camiño que integra o libro e a lectura, a recuperación do patrimonio inmaterial, as artes plásticas e a música. Coordinadas por OQO editora, estas actividades contan coa implicación como socios da Fundación Museo Thyssen-Bornemisza (España), as editoriais O Bichinho de Conto(Portugal) e La Compagnie Créative (Francia).

Esta iniciativa foi seleccionada en 2009 no Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, onde alcanzou unha das maiores puntuacións de todas as candidaturas europeas, con 32 puntos dos 35 máximos posibles.

Destinada aos nenos de educación infantil e primeiro ciclo de primaria, Os Contos do Camiño busca fomentar no público infantil o coñecemento do Camiño de Santiago, primeiro itinerario cultural que atravesa Europa e congrega persoas de distintas culturas, razas e países.

Cinco cidades polas que discorre o Camiño de Santiago:

1. Évora (Camiño Portugués).
2. Bordeaux (Camiño Francés).
3. Óbidos (Camiño Portugués). As actividades de Óbidos tamén acollerán escolares doutras cidades portuguesas como Pombal e Beja.
4. Santiago de Compostela.
5. Madrid (Camiño de Madrid, que enlaza co Camiño Francés) .

Acollerán entre xaneiro e xuño de 2010 as sesións de contacontos, obradoiros de creación artística e de animación á lectura.

Máis de 25.000 escolares, profesores e acompañantes de Francia, Portugal e España percorrerán o Camiño a través dos contos de tradición oral de distintos países e das súas obras de arte, dentro das actividades que se celebrarán nunha data moi significativa para o Camiño de Santiago, o 2010, ano xacobeo.

Os Contos do Camiño pretende espertar e alimentar a curiosidade por viaxar, coñecer persoas doutras culturas e achegarse aos contos e á tradición oral do patrimonio cultural e artístico europeo.

Con este afán de respecto á diferenza, ademais dos centros de ensino, en cada unha das cinco cidades, contactarase con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos en situación de desprotección.

PONTEVEDRA. Mércores 10 de febreiro de 2010.
Sede Fundación Caixa Galicia Pontevedra.
Café Moderno.
19:00 horas
.