Premio Especial do Xurado no festival Brasil Stop Motion 2011

Premio Especial do Xurado no festival Brasil Stop Motion 2011

23/11/2011

Premio Especial do Xurado no festival Brasil Stop Motion 2011 para seis curtametraxes de OQO filmes

‘Pola beleza e calidade das obras’, a dirección do Brasil Stop Motion 2011 decidiu, nesta convocatoria, abrir un espazo específico no festival para mostrar seis curtametraxes de animación de OQO filmes: A pota que trota; E que podo facer eu?; Fiz, o coleccionista de medos; A grande viaxe; A cousa que máis doe do mundo e A incrible historia da nenapaxaro e o galopín.
O organización do certame decidiu, por unanimidade, darlle a cada un dos filmes o Premio Especial do Xurado e crear un evento propio para a difusión e a mostra do traballo da editora e produtora pontevedresa na sección: Mostra especial OQO Galicia. O festival terá lugar na cidade de Recife do 22 ao 26 de novembro, e conta cunha selección de máis de 130 obras de 14 países.
As obras premiadas forman parte da serie Os contos do Camiño e están a ser emitidas actualmente na segunda canle da TVG. Este proxecto audiovisual foi candidato á Mellor Serie de Animación na edición de 2010 do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia). Ademais, foi seleccionado na 50 edición do Festival Internacional de Cine para Nenos de Zlin (República Checa) e no Festival Internacional de Televisión de Barcelona, organizado por OETI (Observatorio Europeo da Televisión Infantil).

OS CONTOS DO CAMIÑO

Consta de 26 capítulos de 10 minutos de duración e está dirixida a un target de 3 a 7 anos aínda que, en realidade, as historias que conta poden ser gozadas por todos os públicos. Cada un deles corresponde á adaptación dunha historia tradicional ou contemporánea publicada en forma de álbum ilustrado por OQO editora. Contos franceses, turcos, casteláns, galegos, portugueses, gregos, brasileiros, africanos… compoñen esta serie que responde á máxima de que unha boa historia atrae a calquera neno en calquera parte do mundo.

Profesionais internacionais de prestixio firman cada un dos capítulos. Entre eles están os recoñecidos animadores mexicanos Luis Téllez (director dos filmes premiados A grande viaxe, A cousa que máis doe do mundo e A incrible historia da nenapaxaro e o galopín), Karla Castañeda (que dirixiu Fiz, o coleccionista de medos, baseado na obra homónima da escritora Fina Casalderrey) e Juan Medina (director de A pota que trota); o arxentino Ismael Mon; o portugués Carlos Pinto; o premiado cun Goya á mellor curta de animación, Coke Riobóo e os galegos Borxa Guerrero (director do galardoado E que podo facer eu?) e Iván Prieto.

Cada capítulo de Os contos do camiño ofrece suxestións creativas que recollen diversas sensibilidades artísticas, universos plásticos innovadores e unha música orixinal creada individualmente para as distintas curtametraxes.