Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

7/03/2013

OQO participa no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra con ‘Tromponetas e ferramentas’, un obradoiro plástico-literario para a creación de trebellos fantásticos.

A partir dos estrambóticos e delirantes medios de transporte que recrean Mar Pavón e Vitali Konstantinov, o álbum Seis barbudos converterase no punto de partida para que os nenos e nenas inventen e creen novas máquinas.

 

Estes trebellos servirán para que poidan desprazarse dos modos máis singulares; como dar chimpos de xigante! Mais servirá, tamén, para actividades tan suxestivas como peitear árbores ou modelar nubes.

 

Os participantes valeranse da tipografía que, xunto coa proposta técnica da colaxe, axudará a compoñer partes da estrutura mecánica que corresponda a cada artefacto.

 

Como artífices enxeñeiros, os cativos botarán man de planos e ferramentas: serra, chave inglesa, alicates, etc. que, cos parafusos e torcas, servirán para montar os seus particulares circuítos. Debuxarán pancas e deseñarán motores para conformar cada unha das súas fantásticas creacións.

 

No taller, presentaranse obxectos cotiás, coma o bolígrafo, o automóbil ou o termómetro para inspirar aos nenos e nenas e crear outras posibilidades mecánicas.

 

Para o correcto uso das máquinas, farán un exercicio de escrita para compor un manual de instrucións que describirá as características e usos dos inventos máis delirantes.

 

Na elaboración do manual empregarán vocabulario de tecnicismos propios de profesións técnicas e científicas como enxeñeiros, mecánicos, físicos, arquitectos… tales como circuíto, transformadores, corrente, velocidade, forza, potencia…

 

DATAS: 11, 12 e 13 de marzo de 2013

LUGAR: Pazo da Cultura de Pontevedra

PARTICIPANTES: 2º e 3º ciclo de Educación Primaria.

DURACIÓN: 1 hora e 30 minutos.

CAPACIDADE: Aforo máximo de 25 nen@s.

ESPAZO: Aula pechada con mesas.