Feira Internacional do Libro de Istambul

Feira Internacional do Libro de Istambul

17/11/2012

OQO participa na Feira Internacional do Libro de Istambul, onde se reunirá con institucións culturais e educativas de Turquía

OQO estará na 31 Feira Internacional do Libro de Istambul, que se celebra do 17 ao 22 deste mes na capital turca coa  presenza de máis de 600 editoriais nacionais e estranxeiras. A editorial galega aproveitará para manter reunións con institucións culturais e educativas de Turquía.

 

OQO acode como invitada pola LAF (Literature Across Frontiers), entidade que colabora coa Feira Internacional do Libro de Istambul e cuxo principal obxectivo é difundir as literaturas europeas, a través da tradución e participación en eventos internacionais.

 

Xunto a OQO, a LAF invitou a editoriais de Finlandia, Islandia e Letonia. As catro contarán cun expositor conxunto de literatura infantil na feira, á vez, participarán en reunións de traballo e en relatorios sobre literatura infantil.

 

Desde hai cinco anos, OQO conta con libros do seu catálogo editados en turco, a través de acordos de colaboración coa editorial Redhouse de Turquía. Na actualidade, son unha ducia de títulos, entre os que se atopan CocoricoCorre corre, cabaciña ou Chocolata… que tamén poden  gozarse, ademais de en español e galego, en inglés, francés, portugués e italiano.