OQO filmes participa no Festival Internacional de Cine do Sáhara

OQO filmes participa no Festival Internacional de Cine do Sáhara

27/04/2012

As curtametraxes Un gato na árbore, A cousa que máis doe do mundo e Os sete cabritos serán proxectados na IX Edición do Festival Solidario de Cine do Sáhara que se celebra do 1 ao 6 de maio no Campamento de Refuxiados de Dajla (Tinduf-Arxelia). Este certame solidario ten como obxectivo sensibilizar sobre a situación do pobo saharauí.

As tres forman parte da serie infantil de animación audiovisual Os contos do Camiño que foi candidata á Mellor Serie de Animación na edición de 2010 do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia).

Esta serie foi seleccionada na 50 edición do Festival Internacional de Cine para Nenos de Zlín (República Checa) e no Festival Internacional de Televisión de Barcelona, organizado polo OETI (Observatorio Europeo da Televisión Infantil).

Ademais, seis curtametraxes da serie –entre as que se atopan A cousa que máis doe do mundo– recibiron este verán o Premio Especial do Xurado no festival Brasil Stop Motion 2011. Precisamente, esta obra compite, xunto a outras dúas de Os contos do Camiño, na Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense – Río de Xaneiro, que se celebrará neste estado brasileiro do 7 ao 11 de agosto.

OS CONTOS DO CAMIÑO
A serie consta de 26 capítulos de 10 minutos de duración realizados coa técnica stop-motion e está dirixida a un target de 3 a 7 anos aínda que, en realidade, as historias que conta poden ser gozadas por todos os públicos. Cada un deles corresponde á adaptación dunha historia, tradicional ou contemporánea, publicada en forma de álbum ilustrado por OQO editora. Todos responden á máxima de que unha boa historia atrae a calquera neno en calquera parte do mundo.

Profesionais internacionais de prestixio firman cada un dos capítulos. Entre eles están os recoñecidos animadores mexicanos Luis Téllez, Juan Medina, Karla Castañeda; o arxentino Ismael Mon; o portugués Carlos Pinto; o premiado cun Goya á mellor curta de animación, Coke Riobóo e os galegos Borja Guerrero e Iván Prieto.

Cada capítulo de Os contos do Camiño ofrece suxestións creativas que recollen diversas sensibilidades artísticas, universos plásticos innovadores e unha música orixinal creada individualmente para as distintas curtametraxes