OQO filmes participa na terceira edición da Mostra Artística Outonarte 2010, que se celebra desde o sábado día 2 de outubro ata o 7 de novembro na cidade da Coruña.
OQO filmes proxectará no Centro Galego de Arte e Imaxe (CGAI) unha escolma de curtametraxes de animación realizadas coa técnica de stop-motion. Desde a fidelidade ao proxecto editorial de OQO editora, OQO filmes aposta pola realización de adaptacións de álbum ilustrado ao formato audiovisual.
O imaxinario infantil durante tanto tempo construído pola literatura tanto oral como escrita, atopa nesta proposta audiovisual un novo soporte sobre o que seguir tecendo elementos de fascinación ante a mirada do pequeno espectador.
Elementos que explican o mundo e canalizan pulsións a través de universos imaxinados por medio dun libro, e agora tamén, de personaxes en movemento.
As adaptacións de OQO filmes caracterízanse esencialmente pola fidelidade ao soporte orixinal, polo recoñecemento dun universo, duns personaxes, fieis a un estilo que aposta por reconstituír o camiño clásico da lectura.
A sesión forma parte do proxecto expositivo “Cartografías quebradas”, integrado na Mostra artística Outonarte 2010, promovida pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
OUTONARTE. Selección de curtametraxes de animación
(España, 2008-2010)
DIRECCIÓN, GUIÓN E PRODUCIÓN: OQO filmes
DURACIÓN: 50 min
DATA: 2 de outubro de 2010
LUGAR: Centro Galego de Arte e Imaxe (CGAI). A Coruña.
HORA: 18.00 h