Festivais internacionais de ANNECY

Festivais internacionais de ANNECY

27/05/2010

OQO filmes compite na sección oficial dos festivais internacionais de ANNECY (FRANCIA) e ZLÍN (REPÚBLICA CHECA) coa serie NEVER ENDING TALES e ‘A bruxa regañadentes’, respectivamente

Os contos do camiño | Never Ending Tales de OQO filmes, candidata á mellor serie de televisión en Annecy (Francia), o festival de animación máis importante do mundo

Un dos seus capítulos tamén foi seleccionado no Festival de Cine Infantil e Xuvenil de Zlín (República Checa)

OS CONTOS DO CAMIÑO | NEVER ENDING TALES de OQO filmes —e distribuída por Imagina International Sales— foi seleccionada para participar na competición oficial do Festival Internacional de Animación de Annecy, na categoría de series de televisión.

Annecy é un dos festivais de animación máis importantes do mundo e celébrase entre o 7 e o 12 de xuño nesta localidade francesa, próxima a Cannes. Nesta edición, que cumpre xa medio século de existencia, a organización seleccionou un total de 213 filmes entre os 1.940 proxectos de 67 países recibidos. Os traballos escollidos competirán en diferentes categorías: curtametraxes, series de televisión, videoclips, filmes publicitarios, educativos, de entretemento…

OS CONTOS DO CAMIÑO | NEVER ENDING TALES competirá na sección oficial na categoría de series de televisión con Un gato na árbore, un dos 26 capítulos de 10 minutos de duración que compón este produto de animación audiovisual infantil.

Esta curtametraxe está dirixida polo novo artista francés David Gautier e baséase no libro, co mesmo título, de Pablo Albo e Géraldine Alibeu, publicado por OQO editora en español, galego, portugués, francés, inglés e italiano.

Desde a fidelidade ao proxecto editorial de OQO editora, OQO filmes adapta os álbums ilustrados ao formato audiovisual a través da animación en stop-motion: historias de calidade que desde a tradición oral van atopando diferentes soportes —texto, imaxes, audiovisual— ante a necesidade de ser contadas, escoitadas e transmitidas.

SERIE DE CALIDADE PARA O PÚBLICO INFANTIL

OS CONTOS DO CAMIÑO | NEVER ENDING TALES, seleccionada por Annecy, é unha serie composta por 26 historias. Cada unha delas é independente e está inspirada en contos da tradición oral de diferentes culturas e en textos contemporáneos de referencia, seleccionados de entre o centenar de títulos de OQO editora.

En todos os capítulos se ofrecen propostas creativas que recollen diferentes sensibilidades artísticas e universos plásticos distintos e innovadores. E todos teñen en común a mesma finalidade: ofrecer entretemento de calidade para o público infantil.

Baixo o mesmo soporte técnico de creación en stop-motion, diferentes profesionais internacionais de prestixio asinan cada un dos capítulos. Así, ademais de David Gautier, atópanse o arxentino Ismael Mon, o portugués Carlos Pinto, o premiado cun Goya á mellor curta de animación Coke Riobóo, o galego Iván Prieto ou o recoñecido animador mexicano Luís Téllez.

FESTIVAL ZLÍN 2010: A BRUXA REGAÑADENTES

Precisamente, un dos capítulos dirixido por este creador, A bruxa regañadentes, foi seleccionado na categoría de Filmes de Animación do Festival ZLÍN 2010-50th International Filme Festival for Children and Youth, que se celebra desde o 30 de maio ao 6 de xuño na República Checa.

Zlín é un dos festivais máis antigos e neste medio século de vida conseguiu converter a cidade checa na capital mundial do cine infantil e xuvenil.

A bruxa regañadentes está baseado no libro homónimo de OQO editora, escrito por Tina Meroto e ilustrado por Maurizio A. C. Quarello. Está editado en español, galego, catalán, portugués, francés, inglés e italiano.