OQO en Australia! Obradoiros gastronómico-literarios para que nenos e nenas coñezan outras culturas

OQO en Australia! Obradoiros gastronómico-literarios para que nenos e nenas coñezan outras culturas

29/05/2012

Os talleres de OQO facilítanlles aos cativos coñecer a cultura doutros países a través dos seus contos e a súa gastronomía

As actividades abriron o apetito e a mente de nenos e nenas de Marrocos (Marrakech, Tetuán, Rabat e Casablanca), Italia (Palermo) e Polonia (Varsovia)

Sydney, Canberra, Melbourne e Adelaida son os novos destinos destes obradoiros da editorial para o Instituto Cervantes

Alimentar ben corpo e intelecto desde idades temperás. Gastronomía e lectura van collidas da man nos obradoiros que OQO editora realiza para o Instituto Cervantes co obxecto de que os máis pequenos coñezan dun xeito divertido (e tamén saboroso!) a cultura doutros países.

Trala exitosa experiencia en Rabat, Marrakech, Tetuán e Casablanca (Marrocos), Palermo (Italia) e Varsovia-Polonia, OQO editora recolle os seus útiles de cociña e trasládase a Sydney, Canberra, Melbourne e Adelaida – Australia (do 30 de maio ao 8 de xuño), onde os nenos e as nenas terán a oportunidade de coñecer a cultura doutros lugares do planeta mergullándose nos seus contos e degustando a súa gastronomía: un novo xeito de viaxar, sentir, ulir, gustar, ver, escoitar e coñecer.

Esta viaxe gastronómica parte dos contos de OQO editora: Sopa de nada e A sopa queima nos que a través dunha actividade se detallan ingredientes que compoñen a sopa.

Desde os contos e a sopa, os pequenos descubrirán os gustos gastronómicos de diferentes países. Indagando nos seus pratos típicos, os rapaces inventarán novas receitas cos ingredientes característicos da cociña de cada país.

Deste xeito, confeccionarán –e comerán– unha sobremesa moi especial. Cada cativo (cociñeiro-viaxeiro) recibirá un receitario dos lugares visitados nesta viaxe gastronómica-literaria para realizar en familia.

O periplo tamén incluirá sopas de letras, recomendacións literarias e un glosario de termos culinarios para empachar coa cultura e engordar o intelecto.

OBRADOIROS GASTRONÓMICO-LITERARIOS NAS ESCOLAS.
SYDNEY:
30 DE MAIO
KU-RING-GAI CREATIVE ARTS HIGH
CASTLE COVE PUBLIC SCHOOL

31 DE MAIO
MARRICKVILLE WEST PRIMARY SCHOOL

1 DE XUÑO
MACGREGOR PRIMARY SCHOOL

MELBOURNE:
4 DE XUÑO. BERWICK PRIMARY SCHOOL

5 DE XUÑO. ASCOT VALE WEST -REGENCY PARK

6 DE XUÑO. POINT LONSDALE

2.CONFERENCIA SOBRE O ÁLBUM ILUSTRADO NA AULA.
SYDNEY:
1 DE XUÑO. CENTRO DE RECURSOS DE PROFESORES

MELBOURNE:
2 DE XUÑO. ASOCIACIÓN DE MESTRES DE LINGUA ESPAÑOLA EN AUSTRALIA

3.CONFERENCIA SOBRE O ÁLBUM ILUSTRADO E O CINE.
ADELAIDA:
7 DE XUÑO. Alumnos de Bacharelato

8 DE XUÑO. ADELAIDE HIGH . Alumnos de Bacharelato