Da tábula ao tablet

Da tábula ao tablet

26/10/2013

Obradoiros infantís na Cidade da Cultura sobre a historia do libro e das bibliotecas: “Da tábula ao tablet”

OQO propón unha interesante viaxe á historia do libro e das bibliotecas, a través do tempo: “Da tábula ao tablet”. Os obradoiros, dirixidos a rapaces de entre 8 e 12 anos, celebraranse na Biblioteca e Arquivo de Galicia, situada na Cidade da Cultura, os sábados: 26 de outubro; 9, 16, 23 e 30 de novembro; e 21 de decembro. O horario é de 12 a 14 horas.

 

“Da tábula ao tablet: o libro e as bibliotecas a través do tempo” ofrece un percorrido polo mundo da transmisión do coñecemento, desde as súas orixes (papiro, tábula, cerata…) pasando polo audiovisual e rematando con contidos axeitados para unha educación atractiva nas novas tecnoloxías: os interactivos.

Cada sesión dividirase en seis apartados:

 

  • A escritura na historia: Antes de existir o libro, as historias viaxaban a través da tradición oral, de boca en boca. Iniciaremos unha viaxe ao pasado desde os inicios da escritura, deténdonos nalgúns momentos concretos da historia. Na sesión realizaremos unha actividade plástica con tabulas ceratas. O obxectivo é que os participantes no obradoiro experimenten a sensación de crear a escritura esculpindo en cera.

 

  • CMYK:  Como é o proceso de creación dun álbum ilustrado desde que se recibe o texto ata a elaboración do storyboard, amosando ao mesmo tempo as probas de maquetación, os pregos de imprenta e o produto final.

 

  • A ilusión do movemento: esta parte centrarase no fenómeno da Persistencia Retiniana e as orixes do cine,  utilizando o álbum ilustrado como a primeira achega do neno á imaxe. Presentaremos diferentes obxectos ópticos: zootropo e praxinoscopio, xurdidos a partir do seu precursor o thaumatropo. Descubriremos o folioscopio e ollaremos os flip books. Unha vez amosados e experimentados, dedicaremos un tempo a realizar as nosas propostas animadas. Remataremos a experiencia proxectando unha curta de animación baseada nun libro.

 

  • Qontos en movemento: o audiovisual, a través de cada un do seus medios e soportes, tense convertido na linguaxe narrativa do noso tempo. O seu xeito propio de concibir, de expresar ideas e emocións axúdanos a comprender o tipo de sociedade actual. Farase un achegamento ao cine desde a literatura, utilizando o álbum ilustrado. Recoñecemento de planos, secuencias, acción , estrutura… Deste xeito, afondarase na alfabetización audiovisual dos máis pequenos.

 

  • Nós ante a cámara: Os asistentes serán os encargados de poñer imaxes, texto e voces ás experiencias propostas. A través da técnica stop motion realizaremos dramatizacións en pixelación. Ademais adentrarémonos en xogos interactivos nos que están presentes o libro, o audiovisual e unha serie de actividades de contido educativo.

 

BIBLIOTECA E ARQUIVO DE GALICIA
LUGAR: Cidade da Cultura
Monte Gaiás s/n
15707 Santiago de Compostela
Tel: +34 881997565

Fax: +34 881997577
online@cidadedacultura.org
CIF: G15721640

Punto On [ Visitas | Actividades ]
Tel: +34 881 997584

 

OBRADOIROS DE BALDE, INSCRICIÓN PREVIA EN:
http://www.cidadedacultura.org/gl/evento/da-tabula-tablet