ÓBIDOS, BEJA E POMBAL (PORTUGAL). Botan a andar os obradoiros de ‘Os Contos do Caminho’

ÓBIDOS, BEJA E POMBAL (PORTUGAL). Botan a andar os obradoiros de ‘Os Contos do Caminho’

15/03/2010

Os obradoiros de Os Contos do Camiño chegan ás cidades lusas de Óbidos, Beja e Pombal para difundir entre os seus escolares o patrimonio artístico e cultural das Rutas Xacobeas.

Rapaces de Bordeaux (Francia) e Évora (Portugal) gozaron xa destas actividades plásticas e de animación á lectura que se celebrarán tamén en Madrid e Santiago.

O itinerario do proxecto —seleccionado no Programa Cultura da UE— rematará en Compostela cun concerto e cunha mostra das obras dos 25.000 nenos e nenas participantes.

O programa europeo Os Contos do Caminho/Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Les Contes du Chemin coordinado pola editorial galega OQO editora —e apoiado pola S. A. de Xestión Xacobeo— chega ás localidades lusas de Óbidos, Beja e Pombal para difundir entre os escolares o patrimonio inmaterial e artístico das diferentes Rutas Xacobeas, a través de contos de tradición oral.

Estas actividades botaron a andar en xaneiro en Bordeaux (Francia) e Évora (Portugal) e —tras desenvolverse agora en marzo en Óbidos, Beja e Pombal (Portugal)— chegarán en abril a Madrid e rematarán o seu itinerario en Santiago de Compostela no mes de maio. A capital galega acollerá tamén un concerto como peche de festa do proxecto e unha exposición coa selección das creacións artísticas dos máis de 25.000 nenos participantes.

A Fundación Museo Thyssen Bornemisza, as editoriais O Bichinho de Conto (Portugal) e La Compagnie Crèative (Francia) son socios deste proxecto, coordinado por OQO editora, a única representación galega dentro do Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, que en 2009 só seleccionou en España outras dúas iniciativas. Cómpre destacar ademais que Os Contos do Caminho/Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Les Contes du Chemin resultou seleccionada coa maior puntuación, un total de 32 puntos dos 35 máximos posibles.

Este proxecto está dirixido a escolares de educación Infantil e Primaria nos que se pretende espertar e alimentar a curiosidade por viaxar, coñecer persoas doutras culturas e se achegar aos contos e á tradición oral do patrimonio cultural e artístico europeo. Por iso, as actividades incidirán na Ruta Xacobea como o principal e primeiro itinerario cultural que atravesa Europa e que congrega persoas de distintas culturas, razas e países.

Con este afán de respecto á diferenza, ademais dos centros de ensino, en cada unha das cidades estase a contactar con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos en situación de desprotección.

ÓBIDOS, BEJA E POMBAL

As actividades que se desenvolverán a partir da segunda quincena de marzo en Óbidos, Beja e Pombal concéntranse en tres obradoiros:

En Un camiño de contos, nenos e nenas de 5 a 8 anos e os seus respectivos profesores participarán, a través da música, da palabra e da imaxe, nunha sesión na que percorrerán varias rutas do Camiño de Santiago, evocando unha época na que camiñantes de diferentes partes do mundo chegaban a Compostela e enchían os días de travesía e as noites de descanso con narracións populares dos seus lugares de orixe.

Cada sesión finaliza cunha actividade plástica creativa na que os nenos confeccionarán con debuxos un caderno de viaxe, que será obxecto dunha exposición ao final da actividade.

Os nenos e nenas de 9 a 11 anos participarán nunha sesión de A arte no camiño, onde lles explicarán algunhas das obras de arte que se poden ver ao longo das distintas rutas, cunha mención directa aos fondos dos museos colaboradores desta iniciativa: Museo de Óbidos, Thyssen Bornemisza, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo de Aquitania, Museo de Évora e o Museo do Pobo Galego. A actividade finalizará cunha actividade plástica e cos nenos e nenas convertidos en artistas.

A terceira actividade é Ilustrar un conto con…, neste taller un famoso ilustrador internacional escollerá un conto tradicional do seu lugar de orixe para contárllelo aos rapaces e máis tarde todos traballarán ilustrando unha secuencia da obra por día. Deste xeito, búscase o intercambio e o movemento transnacional da creación artística.

Así, a Évora desprazouse a ilustradora galega Itiziar Ezquieta e a Bordeaux a portuguesa Teresa Lima. No caso de Óbidos, Beja e Pombal o ilustrador andaluz Chené Gómez optará por implicar os cativos na recreación plástica de Juan la burra, unha versión dun conto de tradición oral recollido na zona de Cádiz.

ILUSTRAR UN CONTO CON Chené Gómez
POMBAL (Portugal)
Biblioteca municipal de Pombal
15 e 16 de marzo de 2010

ÓBIDOS
Museo de Óbidos
17 de marzo de 2010

BEJA
Biblioteca Municipal de Beja
18 e 19 de marzo de 2010