Punto de encontro de culturas

Punto de encontro de culturas

12/06/2013

Nenos e nenas de España, Portugal e Polonia afondarán na relación entre gastronomía e literatura como punto de encontro de culturas

OQO deseña e lidera este proxecto, escollido para o Programa Cultura da UE

—O 15º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra acollerá as actividades principais coas que Cociña de contos. Europa á carta botará a andar en España 
—En colaboración co Concello de Pontevedra convocaranse os premios europeos de Ilustración e Narración oral
Afondar na relación entre a literatura e gastronomía, e dar a coñecer ambas como punto de encontro entre culturas é o obxectivo das actividades de Cociña de contos. Europa á carta, proxecto deseñado por OQO, que foi seleccionado para o Programa Cultura 2007-2013 da UE. Con esta finalidade, nenos e nenas de España, Polonia e Portugal gozarán durante este ano —e todo o 2014—  de obradoiros literarios, gastronómicos e artísticos.
As editoriais O Bichinho de Conto (Portugal) e TAKO (Polonia) son socias desta iniciativa multidisciplinar, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra.
O comité de avaliación do Programa Cultura da UE seleccionou Cociña de Contos entre máis de 476 iniciativas presentadas e valorou o seu enfoque “especial e innovador” no coñecemento da diversidade cultural de Europa, “sobre todo entre os máis novos”. En España, dos 40 proxectos presentados, só resultaron elixidos 8. Ademais, dos 114 aprobados, é o único vinculado á literatura infantil.
Esta é a segunda ocasión en que o Programa Cultura da UE elixe un proxecto onde OQO participa como xestora. En 2009, seleccionou Os contos do camiño, a través do cal máis de 25.000 escolares de España, Francia e Portugal coñeceron o patrimonio inmaterial e cultural das diferentes rutas xacobeas.
PREMIOS EUROPEOS ILUSTRACIÓN E NARRACIÓN:
SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA
Unha das accións máis importantes deste proxecto é a convocatoria, grazas a colaboración co Concello de Pontevedra, a través do Pazo da Cultura, dos concursos europeos de Ilustración e Narración Oral. Ambos contarán con dotación económica: 3.000 e 2.000 euros, respectivamente.
As propostas plásticas do Concurso Europeo de Ilustración deberán basearse no conto popular A casiña de chocolate, un dos contos tradicionais vinculados á comida máis coñecidos en todo o continente. A obra resultante editarase en galego, español, portugués e polaco e será presentado no Salón do Libro de Pontevedra 2014, onde o gañador ou gañadora impartirá obradoiros para os escolares. O Salón suporá o inicio das actividades do proxecto en España, xa que o tema desta edición xirará ao redor da gastronomía e a literatura: Cociñando Contos. Ademais, as ilustracións premiadas formarán parte dunha exposición itinerante, que comezará en Pontevedra a súa viaxe.
No eido musical, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra interpretará a peza musical inspirada en A casiña de chocolate, cuxo resultado poderá gozarse no CD que acompañará o álbum das ilustracións premiadas. Este material, xunto á correspondente unidade didáctica, formará parte da Despensa de Contos: unha “gastro-biblioteca” con fichas pedagóxicas, receitas e álbums de diferentes países, que se agasallará ás escolas participantes.
Paralelamente, e tamén en colaboración co Concello de Pontevedra, realizarase un Concurso de Narración Oral, con contacontos españois, portugueses e polacos. O conto gañador publicarase nos catro idiomas e  presentarase no Encontro Internacional de Contadores de Historias, Sete Falares- 2014, que se celebra na cidade de Pontevedra.
OBRADOIROS EN ESPAÑA, POLONIA E PORTUGAL
En España as actividades levaranse a cabo, ademais de en Pontevedra, en Vigo, Lugo e Madrid; mentres que en Polonia serán en Varsovia, Cracovia, Gdansk, Gdynia, Katowice, Wrockan, Torun, Lodz e Poznan; en Portugal celebraranse en Óbidos, Pombal, Caldas da Rainha, Cascais e Lisboa.
O Salón do Libro de Pontevedra acollerá os obradoiros máis relevantes do proxecto:
Contos ao pedir de boca. Achegarase aos nenos a un repertorio de contos (tanto a través de narración, como na súa variante audiovisual) onde o tema común será a comida.
Europa á carta. Farase unha viaxe pola gastronomía de Europa, partindo dun conto e finalizando cun taller de cociña.
Comida en movemento. O obxectivo deste taller é crear un filme de animación, no que cobrarán vida os propios alimentos.
Do cadro ao prato. Os pequenos e pequenas realizarán un percorrido visual pola historia da arte a través da gastronomía. Ademais, haberá un workshop plástico, no que os nenos serán os artistas.
OUTRAS ACTIVIDADES
Ademais, estes obradoiros complementaranse con outras propostas para os máis pequenos, que se realizarán durante o curso 2013-2014, dentro do espazo A hora do conto:
Doce europa! Taller de repostería, onde se cociñarán doces de distintos países.
Viaxes con-sentidos. Actividade experimental para viaxar través dos distintos sentidos a outras culturas. Xogarase coas texturas, formas, cheiros dos alimentos, os sabores, as cores…
Música na cociña. Unha achega a un forma diferente de facer música, a través de instrumentos de cociña.
Os oficios da comida. Aproximación a distintos oficios da comida, fomentando un encontro interxeracional. Así, os pequenos visitarán unha panadaría, unha queixaría, terán encontros con cociñeiros, pescadores…
O proxecto terá visibilidade na páxina web www.europaalacarte.eu.