MUSEO THYSSEN-BORNEMISZA (MADRID): Presentación do proxecto europeo ‘Os Contos do Camiño’

MUSEO THYSSEN-BORNEMISZA (MADRID): Presentación do proxecto europeo ‘Os Contos do Camiño’

27/10/2009

O Museo Thyssen-Bornemisza (Madrid) acolle hoxe ás 12.30 horas a presentación do proxecto Os Contos do Camiño. OQO editora coordina este programa europeo que percorrerá en 2010 as cidades de Évora , Bordeaux, Óbidos , Madrid e Santiago de Compostela con sesións de contacontos e obradoiros de creación artística e de animación á lectura para dar a coñecer o patrimonio cultural das diferentes rutas xacobeas, a través de contos de tradición oral.

Estas actividades celebraranse nunha data moi significativa para o Camiño de Santiago, o ano Xacobeo.

A Fundación Museo Thyssen-Bornemisza , as editoriais Bichinho de Conto (Portugal) e La Compagnie Créative (Francia) son socios deste proxecto, coordinado pola editorial galega OQO editora, o único membro galego no Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, que este ano só seleccionou en España outras dúas iniciativas. Ademais, no caso de Os Contos do Camiño, acadou unha das maiores puntuacións de todas as candidaturas europeas, con 32 puntos dos 35 máximos posibles.

A comisión de expertos europeos valorou deste proxecto, ‘a evidente calidade e excelencia das actividades’ e cualifican a iniciativa de ‘innovadora e creativa’. Tamén eloxiou ‘a grande relevancia da iniciativa’ e o alto potencial para que esta actividade serva de exemplo a outras institucións europeas a realizar iniciativas semellantes no futuro.

Da relevancia do proxecto dá conta a implicación da Fundación Museo Thyssen-Bornemisza. Para esta entidade, a educación artística dos pequenos e pequenas é unha das súas principais preocupacións. Tanto é así, que conta cun Departamento de Pedagoxía que pretende, coa participación no proxecto, ampliar a súa oferta de actividades e relacionar a arte coa literatura infantil e mais coa educación multicultural.

Por estes motivos, a presentación do proxecto terá lugar nas instalacións do Museo Thyssen-Bornemisza. Ao acto asistirán o director xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás; o xefe da Área de Investigación e Extensión Educativa do Musseo Thyssen-Bornemisza, Javier Arnaldo; o responsable do Punto de Contacto Cultural de España na Dirección Xeral de Cooperación e Comunicación Cultural do Ministerio de Cultura, Augusto Paramio Nieto; a responsable do Programa Didáctico Museo Thyssen-Bornemisza, Ana Moreno; e a coordinadora do proxecto en OQO editora, Eva Mejuto.