ILUSTRARTE 2009 (LISBOA). Teresa Lima por Os sete cabritos e Eva Montanari por Cantas pingas na cidade!

ILUSTRARTE 2009 (LISBOA). Teresa Lima por Os sete cabritos e Eva Montanari por Cantas pingas na cidade!

12/02/2010

As ilustracións de Os sete cabritos (OQO editora, 2008) de Teresa Lima e Cantas pingas na cidade! (OQO editora, 2009) de Eva Montanari foron seleccionadas para formar parte da mostra da IV Bienal Internacional de Ilustração para a Infância 2009.

Os seus traballos, xunto aos dos restantes 50 seleccionados, poden contemplarse desde o pasado 12 de febreiro na exposición instalada no Museu da Electricidade, en Lisboa.

Un total de 1.400 ilustradores de 61 países enviaron as súas ilustracións para a IV edición de ILUSTRARTE, que se consolida, unha vez máis, como un espazo de encontro e discusión sobre a mellor ilustración infantil internacional, que mantén a Portugal na axenda dos grandes eventos neste ámbito.

A portuguesa Teresa Lima achegou para a renovada versión de Os sete cabritos de Tareixa Alonso elegantes e delicadas ilustracións que ofrecen significados a distintos niveis.
As figuras parecen case danzar en amplos espazos. Se nos detemos a observar unha imaxe, aos poucos quedaremos atrapados nun universo moito máis complexo.
As súas acuarelas de reconfortantes cores están impregnadas da atmosfera dos soños. No entanto, a ilustradora aclarou en numerosas ocasións que ela non representa o mundo ‘do soño’, senón que se limita a trasladar nas súas imaxes como o onírico entra con dereito no mundo real e o habita coma se sempre ‘fose a súa casa’.

A italiana Eva Montanari, que tamén é autora de Cantas pingas na cidade!, propón neste álbum un traballo plástico de carácter escultórico con diferentes materiais ?papel, cerámica…? que se impón de forma espectacular e ocupa de forma rotunda a dobre páxina do libro, deseñado en función da verticalidade dos protagonistas, unha batería de personaxes fantásticos mimetizados coa cidade, aínda que recoñecibles na súa vertente humana.

OITO ANOS DE VIDA
ILUSTRARTE é unha bienal centrada na ilustración de contos infantís que se celebra desde 2003 en Portugal. As primeiras edicións tiveron lugar na cidade de Barreiro e este ano trasladouse a Lisboa, concretamente ao Museu da Electricidade.

A intención deste certame é dar á ilustración infantil a categoría de manifestación artística; crear un espazo de discusión sobre a mesma, tanto para editores, lectores ou creadores; e converter a Portugal nun punto de referencia neste eido.

O certame xira ao redor dun concurso no que cada participante enviou ata tres orixinais, non-publicados ou publicados nos dous últimos anos, logo da última bienal.

Este xurado internacional estivo integrado por Wolf Erlbuch (ilustrador e deseñador alemán. Medalla Andersen 2006), Susanne Janssen (ilustradora alemá, gañadora de Ilustrarte 2007), Brigitte Morel (editora francesa), Jorge Silva (director de arte portugués) e Storytailors (estilista de moda portuguesa).