ESCOLAS DO CONCELLO DE PONTEVEDRA: A campaña ‘Os contos do Camiño’

ESCOLAS DO CONCELLO DE PONTEVEDRA: A campaña ‘Os contos do Camiño’

3/11/2009

Máis de 7000 rapaces de centros de toda Galicia por onde pasan as diferentes vías do Camiño gozan nesta terceira edición de actividades plásticas e audiovisuais

Escolares dos centros de ensino do concello de Pontevedra participarán este mes das sesións de actividades plásticas e audiovisuais da campaña Os contos do Camiño, organizada pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo en colaboración con OQO editora, con obradoiros conducidos por Raquel Méndez e Eva Vila.

As actividades da terceira edición de Os contos do Camiño botaron a andar en xaneiro en centros das catro provincias e continuarán agora en Pontevedra. Esta semana desenvolveranse nos CEIP de Froebel, Parada-Campañó, Campolongo, San Benito Lérez, A Carballeira, Manuel Vidal Portela e Príncipe Felipe e no EEI dos Campos.

Martes 3 de novembro de 2009
CEIP Froebel
12.00 horas – Unha sesión

CEIP Parada-Campañó
12.30 horas – Unha sesión

Mércores 4 de novembro de 2009
CEIP Campolongo
12.00 horas – Unha sesión

CEIP San Benito de Lérez
12.15 horas – Unha sesión

Xoves 5 de novembro de 2009
EEI dos Campos
10.30 horas e 12.00 horas – Dúas sesións

CEIP A Carballeira
12.15 horas – Unha sesión

Venres 6 de novembro de 2009
CEIP Manuel Vidal Portela
12.00 horas e 13.00 horas – Dúas sesións

CEIP Príncipe Felipe
12.30 horas – Unha sesión

As dúas anteriores campañas de Os contos do Camiño xa tiveran unha excelente acollida por parte dos 10 000 nenos e nenas participantes. E, grazas a elas souberon un pouco máis da importancia do Camiño de Santiago na transmisión oral da cultura e do patrimonio inmaterial de diferentes pobos do mundo.

Con todo, 70 centros de ensino público de localidades situadas nas distintas rutas xacobeas terán tamén a oportunidade de compartir esta experiencia. Deste xeito, máis de 7000 rapaces de educación infantil (5 anos de idade) e de 1º e 2º de primaria descubrirán —a través de sesións que mesturan narración oral e audiovisual— como os peregrinos, no seu camiñar, traen canda eles a lingua e a cultura dos seus lugares de orixe.

OQO editora nas sesións coas escolas empregará os contos populares de distintos países como fío condutor. Os relatos narrados, a música e as imaxes permitiranlles aos máis pequenos peregrinaren polas distintas rutas xacobeas e afondaren asemade nos valores da convivencia entre culturas.

Para pecharen a actividade, os nenos e as nenas elaborarán oito cadernos —un por cada Ruta Xacobea— nos que deixarán a súa pegada, como recordo por participaren nesta viaxe colectiva. Ao longo das sesións, irá tomando forma un camiño cada vez máis grande que, ao final da edición, se exporán.