CONCELLO DE VERÍN (OURENSE): Campaña de animación á lectura O MUNDO EN GALEGO

CONCELLO DE VERÍN (OURENSE): Campaña de animación á lectura O MUNDO EN GALEGO

2/12/2009

Os nenos e nenas de Verín (Ourense) coñecerán coa campaña O MUNDO EN GALEGO a cultura de diferentes países a través dos libros, e en galego.

Os escolares dos 15 concellos participantes, convertidos en cineastas, producirán unha escena dunha curtametraxe de animación que será colgada na rede ao finalizaren as montaxes.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá esta semana en Verín (Ourense), en colaboración con OQO editora, a campaña O MUNDO EN GALEGO, co obxectivo de que as rapazas e os rapaces coñezan a cultura, a historia e os costumes doutros lugares do planeta a través dos libros, e en galego.

Mediante obradoiros de lecto-escritura, lúdico-didácticos e de animación audiovisual brindaráselles ás alumnas e aos alumnos de infantil e primaria unha oportunidade única de descubriren países de todo o mundo, desde Galicia e en galego. Na experiencia que se desenvolverá ata decembro participarán un total de 15 concellos galegos. Así, tras percorrer xa Chantada, Melide, Muros, Sanxenxo, Ponteareas, Sarria, Lalín, O Barco de Valdeorras, Rianxo, Cuntis, Oleiros e Barbadás as actividades desenvolveranse en Verín desde o mércores, día 2, ata o venres, 4. Posteriormente, levaranse a cabo en Soutomaior e Viveiro.

En cada un destes concellos, as cativas e os cativos converteranse en directores por un día para crearen mediante a técnica de stop-motion unha secuencia dunha curtametraxe de animación que logo se montará e se subirá á rede. Para alén disto, durante o tempo que dure a campaña, poderase acceder a todo o material producido polo alumnado que participe nos obradoiros, a través da páxina web www.omundoengalego.eu

O MUNDO EN GALEGO persegue espertar en todos, pequenos e non tan pequenos, a curiosidade e interese por outras realidades e culturas. E para lograr este fin, nada como un libro. A campaña explota as infinitas posibilidades de interacción cos libros e tira proveito das novas tecnoloxías para demostrar que a lectura é tan só un dos moitos desafíos que presenta un libro. As nenas e os nenos galegos enfrontaranse a esoutros retos: serán ilustradores, autores e mesmo, por que non?, directores de cinema.

Na procura destes obxectivos, O MUNDO EN GALEGO implica as familias, o contorno máis próximo dos rapaces, e tamén os mediadores: docentes e bibliotecarios. Só o compromiso de todos propiciará que o impacto das actividades vai máis alá dun momento puntual, e se cree un vínculo duradeiro cos libros. Por iso, e para que perseveren no camiño emprendido, todos os participantes recibirán como agasallo un lote de libros.

CINCO OBRADOIROS

A Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín acollerá cinco obradoiros: Animar a ler desde a casa; Conta comigo; Tremelicantemente, tremelicante; A grande viaxe: sucando mares, achegando historias; Eu tamén animo!

O obradoiro Animar a ler desde a casa está dirixido especificamente aos pais. Nel insístese na importancia vital de que lles conten aos seus fillos contos en galego, que os acheguen na nosa lingua a outras culturas. Asemade, facilítanselles recursos de narración oral e ofrécenselles criterios para que aprendan a seleccionar os libros en función da idade.

Conta comigo é unha sesión lúdica onde o libro e os contos en galego son os protagonistas. Pretende ser un encontro interxeracional, durante o que as familias participantes realicen diversas actividades ao redor do conto. E, ao tempo que serve para estreitar lazos afectivos, anímase os pais a que recorran ao repertorio tradicional para mellorar a expresión oral. Deste xeito, foméntase que o galego tamén se converta no idioma habitual nos espazos de xogo.

Tremelicantemente tremelicante é un obradoiro de escrita e ampliación de vocabulario, a partir do conto de OQO editora O soño de Xelá. A súa finalidade é que as nenas e mais os nenos, alén de se familiarizaren co uso do dicionario, comecen a empregar no seu día a día palabras novas e recuperen tamén aquelas xa case esquecidas.

O obradoiro A grande viaxe: sucando mares, achegando historias convida as nenas e os nenos a participar nunha viaxe arredor do mundo. Na actividade xógase co feito de que os cativos deberán preparar a viaxe tendo conta o país ao que se dirixen: animais, comida típica… Estas cuestións contestaranas de xeito oral e escrito, co que se estimularán as capacidades dos máis novos no uso do galego.

En Eu tamén animo! os pequenos e pequenas descubrirán que as historias poden cobrar vida fóra dos libros. Por exemplo, se convertemos un conto nun filme. Trátase de que a partir do conto de OQO editora Mariluz Avestruz, cada grupo de cada concello desenvolva coa técnica de stop motion a animación dunha secuencia da obra. Unha vez montada, a curta subirase á web (omundoengalego.eu) para que todos os participantes, e tamén o público en xeral, a vexan. Polo seu deseño, a proposta favorece que os rapaces traballen disciplinas diferentes simultaneamente: imaxe, literatura, música.

OBRADOIRO: A GRANDE VIAXE
Mércores 2 – 18.00 horas. Duración: 60 minutos
Máximo: 25 participantes por sesión

OBRADOIRO: ANIMAR A LER DESDE A CASA
Mércores 2 – 19.00 horas. Duración: 60 minutos.
Entrada libre

OBRADOIRO: TREMELICANTEMENTE…
Xoves 3 – 18.00 horas. Duración: 60 minutos
Máximo: 25 participantes por sesión

OBRADOIRO: CONTA COMIGO
Xoves 3 – 19.00 horas. Duración: 60 minutos
De 4 a 7 anos

OBRADOIRO: EU TAMÉN ANIMO
Venres 4 – 18.00 horas. Duración: 120 minutos
Máximo: 25 participantes por sesión