COLEXIOS DE SAMOS, TRIACASTELA E BURELA (LUGO). A carpa iglú de ‘ContoQontigo’

COLEXIOS DE SAMOS, TRIACASTELA E BURELA (LUGO). A carpa iglú de ‘ContoQontigo’

20/10/2009

A Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a través da Área de Cultura e Deporte, e OQO editora volven pór en marcha estas actividades por segundo ano consecutivo

A campaña ContoQontigo leva esta semana a Samos, Triacastela e Burela a segunda quenda das súas actividades polos concellos do rural de Lugo. Nestas sesións emprégase o conto como un vehículo de aproximación á interculturalidade e á creación artística, mediante o que desenvolver o espírito crítico nos nenos e nenas, e ofrecer os medios para aprender novas formas de mirar.

A Vicepresidencia Primeira da Deputación pretende así que todos os rapaces e rapazas que vivan en calquera concello de Lugo, por pequeno que sexa, poidan ter acceso ás mesmas actividades das que gozan os que viven nas vilas e cidades.
En Samos, Triacastela e Burela máis de 100 pequenos e pequenas de centros de ensino do rural gozarán das 10 sesións que se desenvolverán na carpa iglú nos colexios:

SAMOS
Martes 20 de outubro
CEIP de Samos
11.00 horas: 17 nenos e nenas.

TRIACASTELA
Martes 20 de outubro
CEIP Eduardo Cela Vila
14.45 horas: 17 nenos e nenas.

BURELA
Mércores 21 de outubro
CEIP Vista Alegre
12.00 horas: 13 nenos e nenas.
13.00 horas: 12 nenos e nenas.

Xoves 22 de outubro
CEIP Vista Alegre
11.00 horas: 13 nenos e nenas.
12.00 horas: 12 nenos e nenas.
13.00 horas: 14 nenos e nenas.

Venres 23 de outubro
CEIP Vista Alegre
11.00 horas: 14 nenos e nenas.
12.00 horas: 13 nenos e nenas.
13.00 horas: 12 nenos e nenas.

Na anterior edición participaron nas actividades de ContoQontigo máis de 600 cativos de 15 concellos do rural lucense. Neste ano serán máis de 800 os que gocen da experiencia especial de viaxar polo continente africano da man do álbum Chocolata.

Nesta historia, creada pola autora sarriá Marisa Núñez (galardoada co Premio Internacional ESPACE ENFANTS 2007), unha hipopótama decide saír da súa lagoa e vivir novas experiencias na cidade, nunha viaxe na que aprenderá a valorar o seu contorno.

ContoQontigo desenvólvese nunha carpa iglú que se instala nos centros escolares. Alí, Raquel Méndez e Eva Vila levan a cabo unha innovadora actividade na que os pequenos e pequenas participan dunha maneira interactiva na historia: proban o doce máxico que os fai entrar no conto; xogan coas imaxes a reinventar a historia; e póñenlle a banda sonora á narración. Esta experiencia creativa permítelles aos formadores traballaren coa lectura dunha maneira lúdica.

As sesións teñen unha duración de 50 minutos e están destinadas a nenos e nenas de 1º e 2º ciclo de Educación Primaria cun máximo de 15 rapaces por sesión. A Área de Cultura da Deputación está a dotar todos os centros participantes cun lote de libros co obxectivo de traballar o álbum ilustrado antes e despois do desenvolvemento da campaña.