Caixa de cartón

Caixa de cartón

4/05/2011

Caixa de cartón (na súa edición en español), considerado un dos mellores libros para nenos publicado en Hispanoamérica

—Este libro, que forma parte da colección solidaria Qontextos, foi elixido este ano como un dos libros máis fermosos do mundo pola Internationale Jugend Bibliothek de Múnic (Alemaña) que o incluíu no seu catálogo The White Ravens 2011.

A edición en español do álbum de OQO editora Caixa de cartón (Txabi Arnal e Hassan Amekan) foi considerada polo Banco del Libro como un dos mellores libros para nenos publicados en Hispanoamérica.

O Banco del Libro, asociación civil venezolana privada, sen fins de lucro, que investiga, experimenta, innova e divulga accións dirixidas a nenos e mozos para a súa formación como lectores, creou o premio Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes como un recoñecemento á calidade e variedade no mercado editorial das publicacións en español.

Este álbum da colección solidaria Qontextos, recibiu este mesmo ano na Feira do Libro de Boloña unha Mención White Raven, distinción que outorga a Internationale Jugend Bibliothek de Múnic (Alemaña) aos que considera os libros máis fermosos do mundo.

‘Este ano, seleccionar 128 libros postulados de tan ampla oferta no mercado, que inclúe editoriais que apenas rompen a casca, non foi un traballo fácil’, admitiu o Comité de Avaliación do Banco de Libros ao dar a coñecer os gañadores desta trixésima primeira edición.

Os participantes no evento destacaron o impulso este ano de varios xéneros, como é o caso dos libros para bebés, os libros-álbum e as ‘valentes’ reinterpretacións dos contos clásicos e de ‘cuestións difíciles, como son o arraigamento e a migración’. Precisamente, tema este último que aborda o libro premiado de OQO.

COLECCIÓN SOLIDARIA QONTEXTOS.

Caixa de cartón (editado en galego e español) é o segundo título da colección solidaria de OQO editora, Qontextos. Con esta obra tivo continuidade o proxecto iniciado en 2008 con Fume (Antón Fortes e Joanna Concejo), álbum tamén distinguido en 2009 cun White Raven.

Esta colección pretende reservar un espazo dentro do catálogo para algúns temas pouco habituais na literatura infantil e xuvenil, coma por exemplo, a guerra, as desigualdades sociais, ou a existencia de réximes antidemocráticos.

AS DURAS CONDICIÓNS DOS INMIGRANTES ILEGAIS.

Neste álbum, Txabi Arnal e o ilustrador iraniano Hassan Amekan únense para ofrecer unha crónica da inmigración, mais desde un punto de vista moi diferente ao que a diario nos presentan os telexornais e periódicos. Nestas páxinas non hai análises de xornalistas, nin estatísticas; só a voz valente dos protagonistas deste auténtico drama humano e vai ser unha nena inmigrante a que en primeira persoa nos relate a súa historia.

O xénero autobiográfico convértese aquí nun vehículo idóneo para trasladar as experiencias dos que emigran. Pero o seu testemuño alén de ofrecer unha perspectiva máis humana da inmigración, vai descubrir a complexidade deste fenómeno que presenta caras moi distintas: a cara da fame e da miseria nos países de orixe, a cara das mafias que trafican con persoas, a cara do odio e da xenofobia coa que o primeiro mundo recibe os estranxeiros…

E pese a esta realidade tan desoladora, en Caixa de cartón hai esperanza. Porque esta historia tamén fala de solidariedade, dese vínculo fraternal que se establece entre os inmigrantes; e de segundas oportunidades, como a desta nena que tras perder todo, finalmente é adoptada por unha familia e atopa un novo fogar.

O encargado de poñerlles rostro aos personaxes creados por Txabi Arnal nesta ocasión é Hassan Amekan. O ilustrador consciente das penalidades que viven os inmigrantes, sobre todo se son ilegais, constrúe unhas figuras e uns escenarios que parecen de cartón, material co que tenta que o lector se faga unha idea da fraxilidade e desamparo dos personaxes.

O libro de OQO editora, xunto aos outros premiados tanto na categoría infantil como na xuvenil, forman parte dunha mostra que se expón na sede do Banco del Libro en Caracas (Venezuela) desde o pasado venres, 29 de abril.