BOLOGNA CHILDREN’S BOOK FAIR 2010. OQO editora, xurado en ‘La Mostra degli Illustratori’

BOLOGNA CHILDREN’S BOOK FAIR 2010. OQO editora, xurado en ‘La Mostra degli Illustratori’

28/01/2010

OQO editora participou este ano como xurado en La Mostra degli Illustratori da Bologna Children’s Book Fair 2010, unha das feiras máis importantes do libro infantil que se celebrará nesta cidade italiana, desde o 23 ao 26 de marzo.

La Mostra degli Illustratori ofrece, desde 1967, unha panorámica internacional das tendencias máis innovadoras nas ilustracións para nenos.
Influentes personalidades da edición, da arte, do deseño e da ilustración para nenos, directores de prestixiosas escolas de arte e de importantes museos de todo o mundo, son invitados cada ano para formar parte do Xurado que selecciona os traballos que serán expostos en La Mostra degli Ilustratori.

O Xurado 2010 está composto por:

BELÉN G. FREIJEIRO (OQO editora) España
YUKIKO HIROMATSU (Crítica) O Xapón
VLADIMIR RADUNSKY (Illustrador) Rusia/EUA
MARTIN SALISBURY (Anglia Ruskin University) O Reino Unido
GAIA STOCK (Edizioni EL) Italia

Nesta edición de 2010, o xurado reuniuse do 18 ao 20 de xaneiro en Bologna para coñecer os traballos de máis de 3.000 artistas. Finalmente decantouse por un total de 87 ilustradores de países de todo o mundo (España, Italia, O Xapón, Francia, Suíza, Israel, Alemaña, Hungría, Rusia, Taiwán, O Reino Unido, Dinamarca, Romanía…).

La Mostra degli Illustratori é un escaparate de grande relevancia para artistas consagrados e talentos emerxentes, xa que supón unha oportunidade única para poñer en valor o seu traballo ante profesionais de prestixio internacional, que están presentes cada ano en Bologna.

Con motivo do trinta aniversario da morte de Gianni Rodari, a Bologna Children’s Book Fair organiza unha grande exposición de ilustración adicada a este importante autor italiano. Para formar parte da homenaxe presentáronse máis de 800 ilustracións, das que, o mesmo Xurado de La Mostra degli Ilustratori, seleccionou 33, que formarán parte do certame Grammatica delle Figure. Esta mostra exhibirase durante a feira na Sala Farnese del Palazzo D’Accursio.