BIBLIOTECA DE O BARCO DE VALDEORRAS (OURENSE). Os cinco obradoiros de ‘O mundo en galego’

BIBLIOTECA DE O BARCO DE VALDEORRAS (OURENSE). Os cinco obradoiros de ‘O mundo en galego’

23/09/2009

Os nenos e nenas do BARCO DE VALDEORRAS (Ourense) coñeceron coa campaña O MUNDO EN GALEGO a cultura de Australia a través dos libros, e en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolveu entre o 23 e 25 de setembro no Barco de Valdeorras (OURENSE), en colaboración con OQO editora , a campaña O MUNDO EN GALEGO, co obxectivo de que as rapazas e os rapaces coñeceran a cultura, a historia e os costumes doutros lugares do planeta a través dos libros, e en galego. Neste caso concreto, a de Australia.

Mediante obradoiros de lecto-escritura, lúdico-didácticos e de animación audiovisual brindaráselles ás alumnas e aos alumnos de infantil e primaria unha oportunidade única de descubriren países de todo o mundo, desde Galicia e en galego. Na experiencia que se desenvolverá ata decembro participarán un total de 15 concellos galegos.

Así, tras percorrer xa Chantada, Melide, Muros, Sanxenxo, Ponteareas, Sarria e Lalín as actividades desenvolvéronse do 23 ao 25 de setembro no Barco. Posteriormente, leváronsense a cabo en Rianxo e a continuación en Oleiros, Barbadás, Verín, Soutomaior, Cuntis e Viveiro.

En cada un destes concellos, as cativas e os cativos converteranse en directores por un día para crearen mediante a técnica de stop-motion unha secuencia dunha curtametraxe de animación que logo se montará e se subirá á rede. Para alén disto, durante o tempo que dure a campaña, poderase acceder a todo o material producido polo alumnado que participe nos obradoiros, a través da páxina web www.omundoengalego.eu .

CINCO OBRADOIROS
A Biblioteca Pública Municipal do Barco de Valdeorras acolleu cinco obradoiros: Animar a ler desde a casa; Conta comigo; Tremelicantemente, tremelicante; A Grande Viaxe: Sucando mares, achegando historias ; Eu tamén animo!.

O obradoiro Animar a ler desde a casa está dirixido especificamente aos pais. Nel insístese na importancia vital de que lles conten aos seus fillos contos en galego, que os acheguen na nosa lingua a outras culturas. Asemade, facilítanselles recursos de narración oral e ofrécenselles criterios para que aprendan a seleccionar os libros en función da idade.

Conta comigo é unha sesión lúdica onde o libro e os contos en galego son os protagonistas. Pretende ser un encontro interxeracional, durante o que as familias participantes realicen diversas actividades ao redor do conto. E, ao tempo que serve para estreitar lazos afectivos, anímase os pais a que recorran ao repertorio tradicional para mellorar a expresión oral. Deste xeito, foméntase que o galego tamén se converta no idioma habitual nos espazos de xogo.

Tremelicantemente tremelicante é un obradoiro de escrita e ampliación de vocabulario, a partir do conto de OQO editora O soño de Xelá. A súa finalidade é que as nenas e mais os nenos, alén de se familiarizaren co uso do dicionario, comecen a empregar no seu día a día palabras novas e recuperen tamén aquelas xa case esquecidas.

O obradoiro A Grande Viaxe: Sucando mares, achegando historias convida as nenas e os nenos a participar nunha viaxe arredor do mundo. Na actividade xógase co feito de que os cativos deberán preparar a viaxe tendo conta o país ao que se dirixen: animais, comida típica… Estas cuestións contestaranas de xeito oral e escrito, co que se estimularán as capacidades dos máis novos no uso do galego.

En Eu tamén animo! os pequenos e pequenas descubrirán que as historias poden cobrar vida fóra dos libros. Por exemplo, se convertemos un conto nun filme. Trátase de que a partir do conto de OQO editora Mariluz Avestruz, cada grupo de cada concello desenvolva coa técnica de stop motion a animación dunha secuencia da obra. Unha vez montada, a curta subirase á web (omundoengalego.eu!) para que todos os participantes, e tamén o público en xeral, a vexan. Polo seu deseño, a proposta favorece que os rapaces traballen disciplinas diferentes simultaneamente: imaxe, literatura, música.