BIBLIOTECA ÁNXEL CASAL

BIBLIOTECA ÁNXEL CASAL

16/06/2010

BIBLIOTECA ÁNXEL CASAL (SANTIAGO). ‘Os Contos do Camiño’ celebra en Santiago a fin das súas actividades nas que participaron 25.000 escolares de Portugal, Francia e España

Este proxecto, único galego seleccionado en 2009 no Programa Cultura da UE, difundiu o patrimonio inmaterial e artístico das diferentes Rutas Xacobeas a través de obradoiros plástico-creativos, cuxo resultado se exporá en setembro no Museo do Pobo Galego

O programa europeo Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Os Contos do Caminho/Les Contes du Chemin, coordinado por OQO editora —e apoiado pola S. A. de Xestión Xacobeo—, chega á súa fin en Santiago de Compostela tras difundir o patrimonio inmaterial e artístico das diferentes Rutas Xacobeas entre 25.000 escolares de Portugal, Francia e España, a través de contos de tradición oral e obradoiros plástico-creativos. Para celebrar o éxito deste proxecto, único galego seleccionado en 2009 no Programa Cultura da UE, a capital galega acolle o 16 de xuño un acto festivo de peche na Biblioteca Pública Ánxel Casal con contos, música e imaxes.

A biblioteca, xunto ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), acolleu durante o mes de maio e a primeira semana de xuño os talleres de Os Contos do Camiño/Los Cuentos del Camino/Os Contos do Caminho/Les Contes du Chemin, que botaron a andar en xaneiro en Bordeaux (Francia) e Évora (Portugal) e, tras desenvolverse en marzo en Óbidos, Beja e Pombal (Portugal) e en abril en Madrid, remataron o seu itinerario en Santiago de Compostela, punto final e de encontro de todas as Rutas Xacobeas.

O proxecto continuará no Museo do Pobo Galego, onde se fará unha exposición en setembro coa selección das creacións artísticas dos máis de 25.000 escolares participantes nos obradoiros de todas estas cidades.

No acto festivo de peche do día 16 de xuño están invitados os docentes dos 2.500 escolares de Santiago e asistirán o director-xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; a coordinadora do proxecto, OQO editora; e os socios nestas actividades, Ana Moreno, responsable do Programa Didáctico do Museo Thyssen-Bornemisza; Malfalda Milhões e Pedro Maia de O Bichinho de Conto; e Claude Dagail e Dominique Poirier de La Compagnie Créative. Do mesmo xeito, estarán a directora da Biblioteca Pública Ánxel Casal, Carina Fernández Faya, e a responsable do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos do CGAC, Cristina Trigo Martínez.

Protagonizarán o encontro os contos de Raquel Méndez (OQO editora) e da portuguesa Mafalda Milhões (O Bichinho de Conto), o traballo creativo realizado nas actividades, e un resumo audiovisual de Os contos do Camiño en Bordeaux (Francia), Évora, Óbidos, Beja e Pombal (Portugal), Madrid e Santiago de Compostela. Acompañará a proxección o son da zanfona, instrumento moi estendido na música popular, da man de Luís Correa.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
DATA: 16 de xuño de 2010
LUGAR: Biblioteca Pública Ánxel Casal
HORA: 18.00 horas