Culturgal

Culturgal

26/11/2010

A animación audiovisual feita por e para as máis pequenas e pequenos en Culturgal (Pontevedra)

O conto non remata na marxe dos libros e podemos facer que cobre vida de moitas maneiras. Unha delas é convertelo nun filme. Esta é a oportunidade creativa que van ter no Culturgal (Pontevedra) as nenas e os nenos de entre 10 e 12 anos de idade que participen no obradoiro de animación audiovisual EU TAMÉN ANIMO!

Este taller plástico de OQO editora celebrarase o venres 26 (18.00 horas) e sábado 27 (11.00 horas) de novembro en sendas sesións de tres horas de duración.

A partir dun conto de OQO editora as pequenas e pequenos desenvolverán coa técnica de stop motion a animación da obra con imaxe, voz e música. A plastilina será o material co que se lles dará vida aos personaxes da historia.

Ao final do obradoiro, coas secuencias realizadas cos grupos de traballo en cada unha das sesións (de tres horas cada unha) confeccionarase o filme enteiro.

Nestes obradoiros prácticos, as rapazas e rapaces recibirán información sobre as técnicas tradicionais de animación e gravación de son. O material empregado serán cámaras de fotografía, set de iluminación, set de animación, visores de vídeo ocular, unha televisión e dous ordenadores portátiles.

O obradoiro está aberto a cativos de 10 a 12 anos de idade, e o límite de participantes será de 15.

LUGAR: Pazo da Cultura
DATA PRIMEIRA SESIÓN: 26 de novembro de 2010
HORA: 18.00 h (duración de tres horas)

DATA SEGUNDA SESIÓN: 27 de novembro de 2010
HORA: 11.00 h (duración de tres horas)