Colección

Tres han de ser

Darabuc & Fátima Afonso

ISBN 978-84-9871-232-2

14,90

Cantidade:
INFORMACIÓN
  • Paxinas 36 páxs.
  • Encadernación cartoné
  • Medidas 25x23 cm
  • Publicación xaneiro 2011

A tristeza fíxose festa e a serpe negra vestiuse de cores e tocou as campás da voda: Sol casará cos tres! TAN, TAN, TAN! Sol casará cos tres!

 


Descrición

A tristeza fíxose festa e a serpe negra vestiuse de cores e tocou as campás da voda: Sol casará cos tres! TAN, TAN, TAN! Sol casará cos tres!

 

A tradición oral é principalmente conservadora pero adoita sorprendernos con historias valentes e rompedoras como a deste álbum, no que Darabuc reinterpreta un conto popular. Recollido en títulos como O tres amigos ou Os tres maridos, o relato pivota sempre sobre a decisión dunha moza de quedar cos seus tres pretendentes, xa sexa porque así o sente ou porque en realidade non desexa casar.

 

Nas diferentes versións, esta elección adoita provocar un enfrontamento co pai, entendido como autoridade indiscutible, que envía aos candidatos a atopar obxectos marabillosos que resolvan por si sos a elección. O final da historia é moi distinto segundo a versión, pero con frecuencia elíxese a un cuarto candidato.

 

En Tres han de ser, Darabuc erixe á nai como defensora das relacións sentimentais convencionais e é ela quen se opón, xa que logo, á decisión a tres da súa filla. No entanto, finalmente acaba cedendo ás pretensións da súa primoxénita e móstrase flexible.

 

Deste xeito, o autor remarca así un atributo moi ligado a figura dos pais: comprensión e respecto polo que fai feliz aos seus fillos, por moi estraño que lles chegue a parecer:

 

Pola noite, a nai recolleu as cousas e deixou un círculo de catro copas na mesa. Estivo mirando para elas durante moito tempo, ata que de repente encolleuse de ombreiros e marchou. Os que a viron marchar contan que sorría.

 

Tres han de ser é unha historia para dialogar sobre o dereito a elixir e sobre como o amor imponse —ou debería facelo— sobre as discrepancias: un quere a súa familia aínda que non sempre a entenda.

 

Precisamente, esta premisa é a que guiou o traballo de Fátima Afonso para a súa segunda colaboración con OQO editora, tras as ilustracións realizadas para a entrañable historia de Velliñas. “Ao longo do libro, intentei facer fincapé na mensaxe do autor para mostrar a importancia da liberdade individual de elección e respecto ás diferenzas”, remarca a artista portuguesa.

 

No entanto, esta fidelidade ás intencións do texto non coartou a imaxinación da ilustradora, quen aposta pola fantasía e os primeiros planos á hora de dar vida aos protagonistas e as súas peripecias para cumprir coa misión encomendada.

 

Deste xeito, Fátima Afonso non dá moita importancia aos escenarios, só cando é “absolutamente necesario”, tal e como sucede en imaxes como a da cidade de torres transparentes.

 

“A riqueza dos personaxes (Sol, Nai, Lázaro, Ícaro, Fausto) encheu os meus deseños e non foron necesarios moitos máis elementos para contar a historia”, resume Fátima Afonso sobre o seu recoñecible traballo que convida sempre a unha lectura demorada e profunda.

 

Texto de Darabuc

Ilustracións de Fátima Afonso

 

Tradución do castelán de Laura Rubio