Colección
Esgotado

Seis barbudos

Mar Pavón & Vitali Konstantinov

ISBN 978-84-9871-421-0

14,90

Este producto está agotado.

INFORMACIÓN
  • Paxinas 40 páxs.
  • Encadernación cartoné
  • Medidas 25x23 cm
  • Publicación outubro 2012

Seis barbudos entraron nunha panadaría.

O panadeiro caeu co susto.

Os clientes estaban aterrorizados.

Aqueles barbudos non podían buscar nada bo!


Descrición

Seis barbudos entraron nunha panadaría.

O panadeiro caeu co susto.

Os clientes estaban aterrorizados.

Aqueles barbudos non podían buscar nada bo!

Tras a panadaría visitan unha carnizaría, unha tenda de xoguetes, unha tenda de disfraces, unha libraría e unha pastelaría. En todos os locais causan terror e desconfianza entre clientes e dependentes.

Con todo, este temor é infundado, xa que a súa presenza nos establecementos é para adquirir o que normalmente se compra alí: pan, chourizos, globos, narices de pallaso, libros e unha torta.

A finalidade das súas compras tampouco é sinistra: Aquela tarde, Nino pasouno moi ben na festa que lle prepararon os seus amigos: fartouse de comer pan con chourizo, xogou cos globos ata que explotaron, riu sen parar cos pallasos, leu os contos e apagou as seis candeas da torta, que estaba riquísima!

Con axuda das ilustracións de Vitali Konstantinov, que evolucionan dunha ambientación escura e inquietante cara a imaxes coloristas e alegres, Mar Pavón dá unha lección do enganosas que poden ser as aparencias e de como estas crean prexuízos inxustos.

“Este álbum é quizais o máis atípico da miña bibliografía. É que, aínda que non é a primeira vez que abordo o tema das aparencias, si o fago sen reservas e dun modo moito máis audaz e directo”, comenta a escritora do álbum Ranilda (OQO, 2010), cuxa protagonista é unha ra moi guapa, aínda que ela non o sabe, que todos os días se mira na auga e, como non lle gusta o seu aspecto, sempre está triste.

Nesta ocasión, con Seis barbudos, Mar Pavón pretende que os pequenos se conciencien de que, por norma xeral, non é bo deixarse levar por primeiras impresións, sobre todo cando están supeditadas ao politicamente correcto. De feito, recrimina que tamén o politicamente correcto resulta ser, moitas veces, “mera aparencia”.

Respecto diso, a autora apunta un dato paradoxal: as barbas dos protagonistas levantan sospeitas, cando, outrora, estas eran símbolo de experiencia vital e sabedoría. Seguramente, por iso, decide finalizar o conto recuperando esta atribución positiva: E o mellor de todo foi que as barbas dos seus amigos lle facían (a Nino) cóxegas cada vez que… lle daban un bico!

O relato de Mar Pavón non pode circunscribirse unicamente ao ámbito da denuncia, xa que tamén é un conto de intriga. A pesar de tratarse dun texto de estrutura circular, o argumento leva o lector a preguntarse con insistencia que pasará ao final.

Na recreación deste ambiente, a escritora destaca o “espléndido” traballo de Vitali Konstantinov, ao lles dar vida aos misteriosos personaxes “de carácter certamente sinistro, case aterrador”, na maior parte do álbum. Estas connotacións contrastan coas imaxes coloristas e alegres do final da trama.

En todo caso, ao longo do conto, o ilustrador vai deixando pistas de que o final non é tan escuro e terrible: a cor aparece nos agasallos que adquiren os barbudos para a festa.

Non hai dúbida, con todo, de que as longas e frondosas barbas son as que, desde o primeiro momento, lle chaman a atención ao lector. Konstantinov inspirouse nas que tradicionalmente lucían os homes de Baviera. O artista, de orixe rusa, reside en Alemaña.

Esta chiscadela á cultura bávara non é anecdótica. O ilustrador confirma as súas referencias na festa de aniversario de Nino. Os seis barbudos aparecen bailando o schuhplattler, baile tradicional de Baviera, co pantalón curto típico da rexión, o lederhose.

Estamos ante un álbum divertido no que Konstantinov recrea con mestría os enxeñosos medios de transporte, inventados por Mar Pavón como a aerovasoira, o motociclope ou o paticiclo. Pero tamén é un conto instrutivo. O lector acompaña os barbudos na preparación do que será a festa de aniversario de Nino, co que irá coñecendo diferentes oficios (panadeiro, carniceiro…) e realizando un exercicio matemático, coa resta con permiso das barbas como protagonista.

Texto de Mar Pavón
Ilustracións de Vitali Konstantinov

Tradución do castelán de Laura Rubio