Colección

Montañas na cama

Maricuela & Sonja Wimmer

ISBN 978-84-9871-442-5

16,00

Cantidade:
INFORMACIÓN
  • Paxinas 40 páxs.
  • Encadernación cartoné
  • Medidas 22x28 cm
  • Publicación maio 2016 - Reimpresión

 

Pouco a pouco, Martín saíu do seu agocho.

A catro patas, para que non o visen,
avanzou cara o cuarto de mamá e papá.

Quería contarlles a súa aventura de cabo a rabo!

 

A porta estaba estrañamente pechada.
Apegouse a ela para investigar e escoitou:
papá respiraba cansado,

como cando ía ao monte.


Descrición

 

Pouco a pouco, Martín saíu do seu agocho.

A catro patas, para que non o visen,
avanzou cara o cuarto de mamá e papá.

Quería contarlles a súa aventura de cabo a rabo!

A porta estaba estrañamente pechada.
Apegouse a ela para investigar e escoitou:
papá respiraba cansado,

como cando ía ao monte.

E mamá, tamén.

Vaia!

Saíulles una montaña na cama!

 

Esta incursión nocturna á habitación dos seus pais desemboca nun divertido relato, no que se aborda a sexualidade con moitísimo humor, naturalidade e a dose xusta de tenrura.

O tema do sexo non se debe evitar na infancia, xa que forma parte dunha educación sa e a exposición sen prexuízos das mostras de amor contribúe ao desenvolvemento afectivo. No entanto, o seu enfoque debe ser acorde coa idade e a capacidade cognitiva. Por iso, é conveniente que o adulto ofreza información proporcional á curiosidade do neno ou nena e nunca máis da solicitada.

A escritora María Molina, Maricuela, reproduce sen ningún tipo de edulcoración —pero sen caer na grosaría— os diálogos entre o pai e a nai, que o pequeno escoita trala porta do dormitorio. A inocencia de Martín e a súa grande imaxinación fan que acabe transformando a noite de amor dos seus pais na subida a unha montaña bastante empinada.

—¡Umm…! –dixo el.

—¡Umm…! –dixo ela.

Pararon a comer.

Seguro que mamá fixo tortilla.

Papá lambe os dedos.

Que sorte!

Pois eu tamén quero subir montañas na cama

e comer tortilla de pataca!

 

A narración do conto permite que o lector teña acceso á situación real e, por outra banda, á interpretación que realiza Martín do que sucede na cama dos seus pais; o que dá lugar a un relato hilarante, con escenas tremendamente cómicas.

No entanto, o humor e a inocencia non son unha cortina de fume coa que o relato pretenda eludir a realidade do que sucede. Todo o contrario, son un instrumento para restar seriedade a un tema que aos pais, con máis frecuencia da que admiten, resúltalles embarazoso abordar cos seus fillos.
“Gústame moito intentar poñerme na pel das nenas e os nenos cando conto esta historia. Escoito como os adultos rinse con ganas —creo que nos rimos de nós mesmos— e observo tamén a risa cómplice dos pequenos que, aínda que non terminen de entender o fondo da historia, intúen o que de prohibido e subversivo contén”, explica a escritora e tamén contacontos.

Por este motivo, amósase satisfeita coa posibilidade de que este relato sirva para que algunha familia empece a tratar a sexualidade con “máis frescura”, e para que o neno ou nena que pregunte respecto diso, “non se vaia a durmir cunha sensación de fraude”.

Para María Molina, as cavilacións infantís, sen ningún prexuízo, adoitan deixar en evidencia a “estupidez” dos adultos, que terminan abortando a curiosidade infantil “cun simplista iso son cousas de maiores”.

Con todo, neste relato, os papás de Martín, en canto teñen oportunidade, acláranlle que non estiveran subindo montañas, senón que se querían moito e así era o amor.

Precisamente, a esencia deste álbum é a naturalidade e delicadeza coa que se achega á sexualidade. Dous adxectivos que definen tamén as ilustracións de Sonja Wimmer, quen considerou que o mellor xeito de ser fiel ao espírito da historia era realizar un traballo baseado en “humor, esaxeración e algo de poesía”.

Por iso, entre as sabas da cama dos pais xorden árbores, indicadores de camiños, unha tortilla para coller forzas para a subida, e ata unha cabra montesa, que engade a dose xusta de comicidade.

A ilustradora tamén decidiu darlle un compañeiro de aventuras a Martín. Así, crea un coello de peluche, que vai con el a través de todo o relato e que fai mimese de todas as súas accións. Nel podemos ver reflectido os diferentes estados de ánimo e excitación do pequeno.

En canto á técnica utilizada, optou por mesturar lapis, pasteis e acrílico branco. Para os edredóns, sabas e vestidos realizou un colaxe de diferentes papeis e estampados, que reforzan a sensación de “frescura” coa que este álbum se achega á sexualidade.

Premiado pola Fundación Cuatrogatos entre os mellores libros infantis iberoamericanos.

Texto de María Molina

Ilustracións de Sonja Wimmer

Tradución do castelán de Paco Liván