Colección nanOQOs
Esgotado

CONTO CINCO SENTIDOS

José Campanari & Simona Mulazzani

ISBN 978-84-9871-393-0

40,50

Este producto está agotado.

O avó di que os ollos

son dúas ventás para asomarse ao mundo.

Eu asómome e sinalo cada cousa que vexo.

Sempre hai alguén que me di o que é.

 


Descripción

O avó di que os ollos

son dúas ventás para asomarse ao mundo.

Eu asómome e sinalo cada cousa que vexo.

Sempre hai alguén que me di o que é.

 

Desde a mirada dun bebé, CONTO CINCO SENTIDOS ofrécenos a perspectiva inocente e divertida coa que este descobre sensorial, emocional e afectivamente o mundo que o rodea. Nesta aventura estará acompañado polo círculo familiar máis próximo.

 

Dous habituais colaboradores de OQO, o escritor José Campanari e a ilustradora Simona Mulazzani, son os encargados de lle pór voz e imaxes a este espertar cognitivo do protagonista ao longo dunha colección de cinco libros. Con eles, a editorial apontoa unha das súas últimas coleccións, nanOQOs, dirixida a prelectores. Á vez, consolida a súa aposta por que o goce e a calidade estean presentes desde os primeiros pasos que emprenden os máis pequenos no camiño da literatura.

 

A vocación coa que se puxo en marcha nanOQOs en 2008, coa publicación de CARACOIS, era conseguir que os nenos ansiasen ler antes de saber ler. Para logralo, púxose especial coidado na elección do contido, imaxes e construcións literarias. A excelente acollida das aventuras de Caracol, Caracola e os seus amigos Formiga, Pomba, Vermiño, a cadela Fifí e o gato Maruxo demostra a importancia que teñen os libros ilustrados para o desenvolvemento nas idades temperás.

 

Do mesmo xeito que Caracois, CONTO CINCO SENTIDOS son cinco relatos breves, relacionados pero independentes. En cada libro desenvólvese unha historia directamente vinculada cun sentido: olfacto, vista, oído, tacto e gusto. Capacidades que lle serven ao protagonista para interrelacionarse co contorno físico e emocional ao que pertence.

 

“Con estes cinco contos queremos formar parte do primeiro achegamento ao libro na idade temperá e do crecemento intelectual e emocional dos lectores”, explica Campanari, quen para este ambicioso obxectivo subliña o relevante papel das ilustracións.

 

O escritor de orixe arxentina eloxia o traballo realizado por Simona Mulazzani: “achega a súa propia mirada cunhas ilustracións que contan por si mesmas o percorrido de cada unha das historias”.

 

Ademais, enxalza o seu sentido do humor e a “graza” coa que presenta os integrantes da familia (os pais, os avós e o tío Lalo). “Axuda o lector adulto a lles pór cor e forma ás historias e o neno a realizar a súa propia lectura”, valora Campanari sobre as ilustracións, quen lembra que existen dous camiños posibles para achegarse a estes cinco relatos: “a través do adulto, lendo en voz alta a historia, e o do propio neno mirando o libro en solitario”.

 

Tratándose de prelectores, Mulazzani presenta as accións de forma moi directa, con planos sinxelos, contundentes e repetitivos. De igual modo, os diferentes espazos onde transcorren as historias están ben definidos e son recoñecibles: cociña, baño, comedor… A curta idade dos lectores foi determinante na elección do tipo de plano. Simona Mulazzani decantouse polo xeral, xa que un neno pequeno non ten a capacidade de abstracción para localizar o contexto e a contorna que requiren as imaxes de detalles.

 

Este tipo de premisas non lle restaron capacidade expresiva ás ilustracións. Así o avala o autor do texto, quen eloxia o traballo da artista italiana. Do seu labor, subliña as imaxes que presentan situacións e personaxes “cos que é fácil identificarse e experimentar emocións unha e outra vez” como lle sucede ao entrañable protagonista: Pola mañá, ábrense as ventás. Eu asómome, sinalo co dedo… e o xogo volve empezar!

 

Texto de José Campanari

Ilustracións de Simona Mulazzani

 

Tradución do castelán de Laura Rubio