Colección O
Colección O
Colección O
Esgotado

A voda dos ratos

Margarita del Mazo & Lisa Kaser

ISBN 978-84-9871-373-2

14,00

Este producto está agotado.

—Non vas casar cun rato negro, feo e fraco coma un fiúncho. Ti tes que casar co máis forte do planeta, e ese non o é –dixo sinalando cara ao rato.

 

Desta forma irada reacciona o emperador dos ratos da Cochinchina cando a súa filla, unha preciosa rata branca coma a neve, se presenta da man dun rato gris escuro case negro. Convencido de que o que ten ante el dista moito da súa esixencia, ofrécelle a man da súa pequena ao Sol.

 


Descripción

—Non vas casar cun rato negro, feo e fraco coma un fiúncho. Ti tes que casar co máis forte do planeta, e ese non o é –dixo sinalando cara ao rato.

 

Desta forma irada reacciona o emperador dos ratos da Cochinchina cando a súa filla, unha preciosa rata branca coma a neve, se presenta da man dun rato gris escuro case negro. Convencido de que o que ten ante el dista moito da súa esixencia, ofrécelle a man da súa pequena ao Sol.

 

Con todo, o Astro Rei non tardará en convencelo do seu erro. —Non, ho! Eu non son o máis forte… A partir deste momento, o relato inicia un divertido e instrutivo periplo, co que o emperador irá descubrindo que non hai verdades absolutas. A consideración do que é, ou non, fermoso, forte… está suxeita a múltiples miradas, tantas como individuos.

 

A voda dos ratos é unha reinterpretación dun conto moi antigo. Aparece xa no Panchatantra (lib IV, conto IX; pp. 312-318). Un monxe transforma unha rata en rapariga para levala á casa; cando está en idade de mocear, o monxe fai traer o Sol, o Vento, os Montes, pero ningún é da súa satisfacción porque sempre hai un superior ao anterior. Con todo, cando chega o rato, porque confesa que el pode superalo, a rapaza namórase do da súa especie.

 

A conclusión á que se chega no Panchatantra é que ninguén pode evadirse da súa condición natural: “Logo de rexeitar por marido ao Sol, ao Nuboeiro, ao Vento e ao Monte, volveu á súa especie; o impulso natural é invencible” (p. 318), tal e como lle sucede finalmente aos dous ratos deste conto.

 

Nesta versión de Margarita del Mazo, o divertimento para o lector radica en que ten acceso a información que o emperador descoñece. A autora faino partícipe da trama, xa que o relato lle atribúe un papel de cómplice. É a el, e non ao emperador, a quen se lle revela a continuidade da relación entre a fermosa rata e o ratiño fraco coma un fiúncho, e os verdadeiros motivos polos que cada pretendente rexeita casar coa súa filla.

 

En efecto, o Sol non mente cando admite que considera máis poderoso ao nuboeiro. Tampouco este falta á verdade cando apunta ao vento, quen, á súa vez, erixe como máis forte á montaña, que acaba sinalando á árbore, e esta finalmente ao elefante, animal que, como todos saben, manifesta terror… aos ratos!

 

No entanto, todos eles lle ocultan ao emperador que están namorados e, do mesmo xeito que a rata, non están dispostos a renunciar a este sentimento. (E esta é a verdadeira razón, só coñecida por eles e o lector.) O emperador actúa sen coñecer esta información, o que visto desde fóra o pon nunha situación risible. Hai intencionalidade en ridiculizalo, a modo de reprobación ao seu despotismo. Loitar por conseguir o mellor para os nosos é eloxiable; pero é moito mellor, respectalos cando as súas decisións non coinciden co que desexariamos para eles: o que fai feliz a un pode supor a infelicidade doutro.

 

En definitiva, este relato incide en que todo na vida é relativo. Nada é o que parece e as aparencias enganan. Ou, máis ben, son os prexuízos os que nos levan a errar e non ser capaces de ver nun negro, feo e fraco coma un fiúncho rato ao máis forte do planeta.

 

Precisamente, as historias que abordan os prexuízos espertaron sempre un “grande interese” na ilustradora Lisa Kaser. Ademais, a artista viu “toda unha oportunidade” para xogar con diferentes escalas de tamaños nos personaxes no feito de que a historia transcorrese nun “reino imaxinario propio dun conto de fadas”.

 

As ilustracións están realizadas a man, polo gusto da artista pola “relación do lapis, tinta e acuarela sobre o papel” e quizais tamén porque a súa aproximación á ilustración está influenciada pola súa experiencia no sector téxtil.

 

Kaser atribúe o “estilo tradicional” na representación dos personaxes e do contorno, ao ton narrativo do relato de Margarita del Mazo. No entanto, as ilustracións realizadas están repletas de detalles “contemporáneos” para remarcar a “atemporalidade” que caracteriza as fábulas. “Foi un pracer absoluto ilustrar esta historia encantadora e conmovedora”, conclúe.

 

Texto de Margarita del Mazo

Ilustracións de Lisa Kaser

 

Tradución do castelán de Laura Rubio